A Concellería de Cultura e a de Benestar promoven a iniciativa

 

Silleda, 25 de abril de 2013. As Concellerías de Cultura e de Benestar Social impulsan de forma conxunta unha iniciativa enmarcada no ámbito da interxeneracionalidade. Trátase da edición dun traballo audiovisual que recollerá as impresores dos maiores e dos nenos e nenas de Silleda sobre as tradicións máis arraigadas no noso municipio, coma o entroido, romerías, e outros ámbitos coma o tempo da escola e diversas cuestións relacionadas cos cambios sociais e culturais dos últimos anos.

Baixo o título Tradicioneando, historias de onte e hoxe, a vindeira semana, na que se celebra –concretamente o luns 29- o Día Europeo da Interxeneracionalidade, comezará a gravación cos socios do Clube do Centro Social dos Maiores e tamén cos nenos e nenas do municipio que queiran participar.

Os cativos que desexen formar parte da iniciativa poderán achegarse o día  2 de maio,  á Casa da Xuventude Silleda, ou o día 3 de maio ao auditorio Manuel Dopazo da Bandeira a partires das 16.30 horas.

Así, mesmo, dentro da programación da Semana das Letras Galegas, que xa se está a pechar estes días, terá lugar a estrea desta iniciativa. O vídeo de Tradicioneando poderá verse o mércores día 15 no Centro Social dos Maiores da Bandeira, ás 19.00 horas e o xoves 16, na Casa da Xuventude de Silleda, ás 18.00 horas.