Silleda acolle o vindeiro mércores día 8 de maio a gran cita co Correlingua

 

Silleda, 27 de abril de 2013. Silleda acollerá, por segundo ano consecutivo, unha nova edición da cita protagonista do Correlinga. Preto de 1.500 alumnos e alumnas dos centros de Primaria e Secundaria das comarcas de Deza e Tabeirós participarán nesta iniciativa, que vai xa pola súa sexta edición.

A cita comezará ás 11.00 horas na praza da Feira Vella, coa saída desta carreira non competitiva en prol da lingua. O actor Pepe Penabade será o encargado de presentar esta cita lúdico-educativa, que rematará na mesma praza cun fin de festa que terá como protagonistas as actuacións de Peter Punk e da Balbina. Tamén se procederá á lectura do manifesto a favor do galego.

Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino e A Mesa pola normalización Lingüística, en colaboración cos Concellos das principais cidades galegas. Trátase dunha proposta carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma.

Ademais do Correlingua, na víspera da celebración do Día das Letras, tamén se organizan concursos entre a comunidade escolar que permiten a reflexión sobre o idioma e serven como actividades preparatorias para a participación na recta final do Correlingua.

Esta será unha das actividades centrais da programación da Semana das Letras que está a preparar o departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe a concelleira Margarita Campos e que se dará a coñecer nos vindeiros días.