Aviación Civil emite un informe favorable sobre o PXOM de Silleda

 

Silleda, 3 de maio de 2013. O Concello de Silleda recibiu hoxe un novo informe sectorial sobre o Plan Xeral. Trátase do emitido pola Dirección General de Aviación Civil , dependente do Ministerio de Fomento, e que é favorable.

Neste infome, que ten carácter preceptivo e vinculante,  Aviación Civil fai unha serie de consideracións para incluir no documento, se ben considera que a proposta remitida polo Concello de Silleda é correcta.

Así, sinala que, aínda que o PXOM incorpora entre os seus planos as Servidumes Aeronáuticas do aeroporto de Santiago, hai un novo Plan Director para Lavacolla, polo que deben de incluirse no documento novos planos, que se adxuntan xa co propio informe.

Tamén advirte que se deben de incorporar ao capítulo de Normas Urbanísticas disposicións que fan referencia ás alturas que deben de ter aeroxeneradores, liñas de transporte de enerxía eléctrica, de telecomunicacións… e a necesaria resolución favorable previa da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) no caso de que estas instalacións se constrúan en zonas de servidume aeronáuticas.  Gran parte do termo municipal de Silleda atópase incluída nas zonas de servidume aeronáuticas do aeroporto de Lavacolla.

Este informe vén a sumarse aos xa recibidos a día  de hoxe por parte de  Medio Ambiente, Facenda, Minas, Adif, Acega, e dos Concellos de Lalín, A Estrada e Forcarei.