O Concello sumouse ao convenio entre a Fegamp, Xunta e o CGPJ para detectar supostos de vulnerabilidade en casos de desafiuzamentos

 

Silleda, 10 de maio de 2013. O Concello de Silleda sumouse ao convenio de colaboración entre a Fegamp, Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial  para detectar supostos de vulnerabilidade con ocasión do desafiuzamento da vivenda familiar e medidas de carácter social. Este convenio marco ten como obxectivo establecer un protocolo para actuar dun xeito preventivo ante situación de especial vulnerabilidade ou desvalemento que se puideran detectar no curso de procedementos xudiciais por mor de execucións hipotecarias ou desafiuzamentos  por impago da renda da vivenda habitual, implicando á distintas administracións, entre elas a de xustiza. Así, en virtude deste acordó, os xuíces alertarán aos Servizos Sociais dos Concellos, que poderán realizar unha valoración provisional da familia. 

Outro dos obxectivos pasa por poner en marcha programas de asistencia e realoxamento se se cumpren os requisitos legais. 

Dende as Administracións Locais buscarase dar unha resposta inmediata e tramitar de xeito urxente as solicitudes remitidas polos xulgados en cada caso. 

Dende o goberno municipal, a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que asinou o convenio, considera que este acordo supón “unha nova ferramenta para atender ás necesidades das familias que se poidan enfrontar a unha situación de desafiuzamento”. Paula Fernández lembra ademais que o executivo local xa puxo en marcha o ano pasado unha serie de medidas para actuar ante este tipo de casos. Así, en setembro de 2012 aprobouse no Pleno, unha moción do PSOE na que xa se instaba ás Administracións superiores a tomar medidas urxentes, incluíndo ademais outras a nivel municipal en tres direccións: a prevención (poñendo a disposición de todos os veciños e veciñas asesoramento e información sobre os trámites a realizar para evitar chegar ao desafiuzamento,; a presión, interpelando ás entidades bancarias, e a protección, artellando dende os Servizos Sociais do Concello as medidas necesarias para axudar ás familias e veciños/as afectados por casos de desafiuzamento.

Neste senso, o Concello vén de asinar co Adif o contrato de arrendamento da estación ferroviaria de Ponte Taboada, que se habilitará como  centro de acollida temporal para dar resposta ás necesidades de aloxamento dos/as afectados. “Como Administración máis próxima á cidadanía temos a obriga de buscarlle solución aos posibles casos de desafiuzamento, para evitar a exclusión social das familias afectadas, por iso dende o goberno municipal de Silleda artellamos hai xa varios meses estas medidas”, engade Paula Fernández Pena.