O II Concurso de Microrrelatos rexistra unha elevada participación, con 41 traballos presentados

 

Silleda, 17 de maio de 2013. O II Concurso de Micorrelatos, convocado pola Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, rexistrou unha elevada participación con 41 traballos presentados en total nas dúas categorías, unha cifra que supera amplamente a participación na primeira edición do certame, celebrado o pasado ano.

Nesta segunda convocatoria os traballos, en galego, deben versar sobre as tradicións galegas. O xurado do certame, formado por personal do departamento e representantes dos medios de comunicación, reunirase a vindeira semana para valorar os traballos e elixir ao gañador/a. O premio consiste nun e-book ou libro electrónico, así coma un lote de libros para o centro escolar ao que pertenza o gañador/a, se é o caso.

En canto ao certame de microcurtas a particicipación foi baixa, polo que a organización decidiu ampliar o prazo de presentación ata o vindeiro xoves día 23. Os traballos, que poden realizarse mesmo cun teléfono móbil, deben tamén versar sobre as tradicións galegas. Neste caso o premio para o traballo gañador é unha tablet.

“Con este certame queremos fomentar a creatividade ademais de contribuir ao uso do galego sobre todo entre a poboación máis nova”, engade a concelleira. A orixinalidade e a creatividade dos traballos serán as liñas básicas para xulgar os traballos nos dous casos. Os premios entregaranse a finais de mes.

Os certames forman parte da programación deseñada dende a Concellería con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, con variadas actividades ao longo das últimas semanas.