Silleda, 1 de xuño de 2013. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar a solicitude á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) dunha subvención para a dotación da mini residencia de maiores, que se construirá nunha parcela situada xunto ao recinto feiral de Semana Verde.
A axuda, con cargo ao programa Leader 2007-2013 xestionarase a través do GDR Terras do Deza figurando como proxecto non produtivo. A cantidade subvencionable total sería neste caso de 250.000 euros.
Esta cantidade sumaríase aos 200.000 euros froito da doazón realizada polo empresario silledense Avelino Ramos para levar a cabo a actuación. O anteproxecto foi presentado o pasado mes de decembro á Consellería de Benestar, que realizou algunhas correccións en canto ás características da obra.
Así, e seguindo indicacións técnicas da Xunta en canto á definición de espazos do edificio, a residencia pasaría a contar cun total de 14 prazas (6 habitacións individuais e 8 dobres), en lugar das 16 previstas inicialmente. “Tratamos de adaptar o proxecto plantexado segundo as indicacións dos técnicos sen que o custe previsto se disparase”, explica a alcaldesa, Paula Fernández.
O custe total do proxecto e da obra sitúase en 618.159,50 euros e o do equipamento en 153.516,03 euros. Así, a residencia con mobiliario e todas as dotacións necesarias, incluido mesmo o menaxe sería de 771.675, 03 euros.
“Contamos xa coa aportación altruista de Avelino Ramos e agora esperamos que se conceda a subvención do Leader para continuar dando pasos na consecución dunha das grandes demandas de Silleda”, sinala Paula Fernández. “Do mesmo xeito confiamos en que a Xunta de Galicia faga unha aportación para o equipamento da residencia e se apoie a construcción desta insfraestrutura”, engade.
A subvención a través do Leader enmárcase na xestión do goberno local á hora de buscar recursos para facer posible un dos grandes proxectos aínda pendentes en Silleda.
“Estamos moi agradecidos ao empresario Avelino Ramos pola súa xenerosa aportación para facer realidade a construcción dunha residencia de maiores en Silleda. O seu xesto serviunos de acicate para apostar por este proxecto, moi necesario e agardado, e para o que esperamos seguir conseguindo apoios”, dí a rexedora apuntando que a convocatoria do Leader supón “unha gran oportunidade”.
Características do edificio
O edificio situarase nunha parcela de 8.251 metros cedida pola Fundación Semana Verde de Galicia ao Concello en marzo do pasado ano para a construcción do ansiado centro, nun prazo máximo de 5 anos.
O deseño previsto para o inmoble permitirá dotalo de maior espazo nun futuro, ampliando as instalacións en función das necesidades, por fases. Proxéctase unha edificación illada en pranta baixa, que de ser necesario, podería ampliarse tanto en altura como en superficie. Ademais dos dormitorios con cuartos de baño, contémplase unha zona de convivencia (comedor e áreas de apoio), outra asistencial (sala de xeriatría, rehabilitación, enfermería, unidade social…).
Tamén se prevé unha intervención, no tocante á urbanización, profundamente respetuosa co entorno, permitindo ademais zona de acceso e aparcamento. No PXOM a parcela figura xa como de equipamento social.
Xestión a través dunha cooperativa
Ao tratarse dun proxecto non produtivo, a xestión da mini residencia non pode concebirse como unha iniciativa lucrativa, con beneficios. Deste xeito, dende o goberno municipal plantéxase unha xestión a través dunha cooperativa de servizos de atención xerontolóxica.
Dende o executivo silledense impulsarase a creación no municipio dunha entidade destas características para xestionar o funcionamento da residencia e fomentar, ao mesmo tempo, está fórmula de emprego.