Silleda, 3 de xuño de 2013. O Concello de Silleda vén de iniciar hoxe os traballos de repintado dos pasos de peóns nos dous núcleos urbanos de Silleda e A Bandeira. Nestas tarefas, segundo explica o concelleiro de Obras e tenente de alcaldesa, Manuel Cuíña, participarán os dous operarios que foron contratados para tarefas de pintado a través do Plan Provincial de Emprego.
Os traballos comezaron na xornada de hoxe xunto ao CEIP de Silleda e a Escola Infantil A Galiña Azul. “Era unha actuación moi necesaria, tanto en Silleda como na Bandeira, para garantir a seguridade viaria dos peóns”, engade Cuíña, explicando que a gran maioría dos pasos de peóns estaban moi deteriorados polo paso do tempo.
Cuíña explica que se dará prioridade a aqueles pasos situados xunto a centros educativos. “Máis que unha cuestión estética, é unha actuación que debemos acometer para garantir a seguridade dos viandantes, sobre todo en zonas como as que están máis próximas aos centros escolares”, engade o tenente de alcaldesa.