Silleda, 4 de xuño de 2013. O campamento de verán do Concello de Silleda ofertará este ano unha variada e atractiva proposta de actividades para os nenos e nenas de entre 8 e 12 anos. O campamento de verán “Un mundo de contos”, contará con actividades de carácter aventureiro e deportes alternativos para a citada franxa de idade.
Entre elas, ademais da celebración de rutas de sendeirismo, ofertase o xeocaching, baseado en esconder e rastrexar tesouros agochados (unha moda que une tecnoloxías, deporte e natureza); carreiras de orientación con compás ou descubertas polo pobo, con xogos de coñecemento do entrono urbano a través de probas de busca e interreleación coa xente que se vaian atopando.
Non faltarán grandes xogos temáticos, en base ao conto semanal, nin xincanas nas que se misturará deporte, teatro, creatividade grupal…
O deporte alternativo e outro dos atractivos do campamento de verán deste ano, con ata cinco modalidades. Haberá Floorball (parecido ao hockey pero con normas distintas e cunha pelota especial); Balonkorf (deporte de colaboración-oposición, con componente táctico importatne e derivado do baloncesto); Ultimate (deporte de grupo, a medio camiño entre o fútbol e o balonmán, que se xoga cun freesbe); Lacrosse (deporte de equipos para o que se usa un pau con unha rede na parte superior para pasar e agarrar a pelota, co obxectivo de meter goles), e tamén o Kickball (deporte similar ao béisbol, que se xoga con catro bases e unha pelota de goma).
Esta programación enmárcase dentro do xiro que se lle quere dar o servizo dende a Concellería de Educación, para promocionar esta iniciativa, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
O campamento comezará o vindeiro 25 de xuño e continuará ata setembro. O prazo de matrícula segue aberto e as persoas interesadas poden achegarse ata o Concello para aportar a documentación necesaria.