Silleda, 4 de xuño de 2013. A Concellería de Deportes de Silleda está xa a traballar na posta a punto das piscinas municipais de Silleda e A Bandeira para a tempada estival. Esta semana comezaron xa as tarefas de limpeza e acondicionamento dos recintos, con personal municipal que abrirán as súas portas ao público este mes.
A previsión do departamento, que dirixe Klaus Brey, pasa por abrir as piscinas o vindeiro luns día 24, xornada festiva. “Estamos a traballar para poder ter listas as instalacións o antes posible”, sinala o concelleira, lembrando que aínda falta a contratación do persoal de socorrismo, necesario para ter aberto ao público as piscinas.
Así, e tendo en conta que este ano decidiuse non destinar persoal do Plan de Cooperación a este servizo (xa que veñen con tempos de contratación fixados superiores a tempada na que abren as piscinas), será o Concello de Silleda quen contrate os socorristas. “Dende o goberno municipal estanse a estudar fórmulas para proceder a estas contratacións, que agardamos resolver para a data prevista”, engade Klaus Brey.
O custe da entrada será de 1 euro, tal e como se recolle na ordenanza de instalacións deportivas aprobada o ano pasado, e abonarase nas propias instalacións, onde tamén se impartirán como vén sendo habitual cursos de natación.
Tamén están á venda dende o pasado 25 de xuño no Concello (nas dependencias do Rexistro Xeral) os bonos para toda a tempada. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Preto de 5.000 entradas
Así mesmo, as persoas que estén empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Para os dous cónxuxes custarán 20 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, 8 euros, e cun terceiro sairía gratuito para toda a familia.
No verán de 2012 rexistráronse preto de 5.000 entradas, o que da conta do éxito deste servizo, pese ás criticas recibidas polo cobro da taxa.