Silleda, 7 de xuño de 2013. O Concello de Silleda enfróntase a unha nova demanda xudicial por impago. A empresa Señalización y Control SA (ESYCSA) iniciou un contencioso logo de non ter cobrada a instalación de semáforos no cruce das rúas Xeral e Ramón de Valenzuela da Bandeira, e no da rúa Venezuela, en Silleda, encargada polo ex rexidor popular José Fernández Viéitez.
A empresa realizara no ano 2007 a renovación de equipos nos citados sistemas semafóricos, logo de que o entón alcalde dera a súa conformidade ao seu orzamento no mes de marzo dese ano. Dous meses despois, o 31 de maio de 2007, pouco antes de tomar posesión o goberno municipal socialista, a empresa presentou a correspondente factura. “É un caso máis de facturas presentadas en vísperas do cambio de goberno”, advirte Paula Fernández, que lamenta que o Concello teña que seguir facendo fronte a este tipo de “imprevistos económicos”.
A demanda da empresa, que reclama 8.677 euros máis os intereses de demora, non só foi admitida a trámite, senon que ademais, dende o Xulgado do Contencioso número 1 de Pontevedra se imponen medidas cautelares. Así, esixe ao Concello que faga o abono inmediato á empresa, ou do contrario se imporán multas coercitivas a alcaldesa, Paula Fernández. “Unha vez máis, o PP volve coartar a capacidade inversora municipal e a permitir recaer posibles multas na miña persoa”, di a rexedora.
A data da vista oral quedou fixada para o 23 de abril do ano 2014.
A alcaldesa advirte que este tipo de situacións supoñen “non só unha volta ao pasado, senon tamén un paso atrás na xestión económica que estamos a realizar dende o goberno local”. Así, sinala que “a oposición debería de ser consciente da problemática que supón toparse con estas demandas, e en vez de tanto criticar botar unha man para encamiñar a difícil situación deste Concello, algo que como xa se viu é posible se se fai unha xestión axeitada”.