Silleda, 11 de xuño de 2013. O Concello de Silleda vén de concorrer á liña de axudas da Consellería de Cultura e Educación para desenvolver programas dirixidos á redución do abandono escolar.
O programa deseñado dende a Concellería de Educación de Silleda conta cun diversas actividades e propostas para lograr reducir a taxa de abandono escolar. Está dirixido tanto ao alumnado de 3º e 4º da ESO como a mozos e mozas de 16 a 24 anos que xa abandonaron o sistema educativo, así como as familias de Silleda en xeral, traballando novas ferramentas e habilidades que permitan aos usuarios adquirir novas competencias académicas, traballar a súa motivación, “e en definitiva mellorar o seu nivel de consciencia de motivación para que non abandonen o sistema educativo”, engade a concelleira de Educación, Paula Fernández Pena.
O programa, cun orzamento total de 17.000 euros, poñerá a disposición dos veciños e veciñas distitnas actividades educativas e formativas. Entre elas figuran sesións de reforzo educativo, dirixidas ao alumnado de 3º e 4º da ESO que menor motivación e/ou capacidade de aprender presenten, para que adquiran competencias básicas que lles permitan rematar con éxito a etapa escolar. Serían de luns a vernes de 10.00 a 14.00 horas.
O programa de actividades tamén contempla a celebración de obradoiros que complementarán as clases de reforzo, coa motivación como protagonista, ou sesión específicas de técnicas coma o speed Reading (para mellorar a comprensión lectora) ou o mind mapping (de metodoloxía gráfica e lóxica). Tamén se contemplan actividades como técnicas de relaxación e control do estrés, ou a preparación das probas libre de graduado en ESO e acceso a ciclos de Formación Profesional.
“Queremos que o programa se desenvolva de xeito activo, participativo…e que se adapte aos diferentes ritmos e necesidades dos usuarios”, engade Paula Fernández Pena, que destaca que a proposta é un proxecto novidoso, con novos métodos e formas de traballar que non suplantan ás xa empregadas nos centros educativos.
“É tamén unha forma diferente de apostar pola formación dos mozos e mozas, por traballar as súas habilidades, actitudes e aptitudes, para que acaden os seus obxectivos, e sobre todo, para que non abandonen os estudos a idades temperás”, incide.
O municipio de Silleda non é alleo aos datos que apuntan ao aumento da taxa de abandono escolar en Galicia, unha das poucas comunidades na que se vén incrementando este dato. Estimase que o 26 por cento dos alumnos galegos deixan os estudos tras rematar a ESO ou non completan o bacharelato ou a FP.