O Concello concorre á liña de axudas para mellora de eixes comerciais nos cascos urbanos de Silleda e A Bandeira

Silleda, 22 de xuño de 2013. O  Concello de Silleda vén de concorrer á liña de axudas para adecuación ou mellora de espazos destinados a mellorar espazos urbanos comerciais. A proposta, aprobada pola Xunta de Goberno Local, contempla senllas actuacións na Bandeira e en Silleda, ao abeiro da orde da Xunta pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a revitalizar o comercio de proximidade.

No primeiro dos casos, o proxecto pasa por mellorar os calellos da Bandeira, unha tipoloxía urbana singular e emblemática desta vila ligada á celebración de mercados tradicionais e ambulantes. Na memoria valorada recóllense distintas actuacións para a posta en valor e mellora do entorno nestes espazos. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, que realizou a proposta, explica que ademais de mellorar a iluminación tamén se actuaría colocando distinto mobiliario urbano e as beirarrúas. O orzamento total da actuación é de 33.354,54 euros, para o que se solicitaría unha axuda do 75% (é dicir, 25.015,91) mentres que o resto se financiaría con fondos municipais.

 

En canto ao casco urbán de Silleda, a actuación realizaríase na avenida do Parque, a rúa máis comercial da localidade, con numerosos establecementos. Neste caso, ademais de renovar elementos do mobiliario urbano tamén se arranxaría o entorno da parada de taxis, co firme moi deteriorado) e noutros ámbitos da urbanización. Cuíña explica que tamén está prevista a dotación de pasos elevados (lomos de burra) nos pasos de peóns, “unha actuación para mellorar tamén a seguridade viaria ao tempo que se renova a imaxe da rúa”. O orzamento total previsto no proxecto para levar a cabo esta actuación é de 45.796,62 euros, solicitanto tamén á Xunta o 75% do custe (34.347,47 euros) e aportando o Concello de Silleda a financiación restante.

Cuíña lembra que a avenida do Parque de Silleda “é un dos eixos comerciais que ten Silleda e que esta actuación axudará a dinamizar e mellorar o entorno”. No caso dos calellos, advirte “que no noso programa electoral a conservación e posta en valor dos calellos como trama urbana única e singular formaba parte das propostas do grupo socialista en materia de urbanismo”.

Programa Silleda 10

Por outra banda, neste caso a proposta do concelleiro de Comercio, Klaus Brey, a Xunta de Goberno Local acordou solicitar ao abeiro da devandita orde para potenciar o comercio unha axuda de 3.000 euros para financiar o programa Silleda 10, unha actuación que se estrenou este ano para dinamizar o sector comercial de Silleda e A Bandeira, cun investimento que rondou os 5.000 euros.