Silleda, 6 de agosto de 2013. O torneo de xadrez Galicia Central, no que participan xogadores da comarca do Deza e outros municipios da zona, chega o vindeiro sábado día 10 a Silleda. A cita será no pavillón municipal César González Fares pola tarde, coa organización do Club de Xadrez Ágora en colaboración coa Concellería de Deportes que dirixe Klaus Brey.
Está previsto que acudan entre 120 e 150 participantes de diversas idades que xogarán o torneo nas diferentes categorías. As partidas comezarán sobre as 16.00 horas, se ben as inscricións se abrirán sobre as 15.00 horas.
Está previsto que o torneo remate sobre as 22.00 horas coa entrega de trofeos. Dende o departamento de Deportes, Klaus Brey, destaca ademais o traballo que está a facer o clube local Ágora, que o vindeiro mes de setembro iniciará actividades de formación para os nenos e nenas que queiran iniciarse nas técnicas desta modalidade.