Silleda, 2 de setembro de 2013. O Concello de Silleda, a través dos departamentos de Obras e de Medio Ambiente, comezou hoxe os traballos para levar a auga da traída municipal ao lugar de Toxa, nas inmediacións do casco urbano de Silleda.
Trátase dunha obra moi agardada polos veciños e veciñas desta localidade, que levan anos agardando pola dotación deste servizo. As máquinas municipais xa están abrindo as zanxas para a correspondente instalación de tuberías, e os operarios do Concello traballan xa nas tarefas previas ás canalizacións.
“Con esta dotación, dende o goberno municipal continuamos co plan previsto para dotar de abastecemento de auga ás localidades do rural, procurando extender a rede dos cascos urbanos ás localidades máis próximas”, sinala o concelleiro de obras Manuel Cuíña.
O proxecto contempla as instalacións necesarias para facer acometidas en 16 vivendas, susceptibles de conectarse á rede municipal de augas. En total instalaranse preto de 1.500 metros de tubaxe nesta actuación, que ten un custe de preto de 50.000 euros.
Así, o lugar de Toxa súmase ás parroquias de Ponte, Saídres, Cortegada, Taboada e Manduas, donde dende o Concello xa se procedeu á extensión da rede municipal. Dende o Concello de Silleda, que neste caso acomete a obra con personal e maquinaria do Concello, segue apostándose por extender ás zonas rurais servizos básicos coma o abastecemento de augas.
Esforzo municipal
Manuel Cuíña destaca tamén o gran esforzo inversor que se está a realizar dende o Concello de Silleda. “Aínda que estamos en época de crise, o feito de que dende o Concello se veñan facendo este tipo de obras, con importantes custos, con medios exclusivamente municipais, vén indicar que se están facendo ben as cousas”, engade.
A última actuación levouse a cabo o pasado mes de maio en Ponte e xa entón dende o goberno municipal se anunciou que Toxa sería a seguinte localidade onde se acometería este tipo de obras.
En canto rematen as obras os veciños e veciñas poderán solicitar as pertinentes conexión aos seus domicilios.