O programa lúdico educativo comeza o mércores

Silleda, 9 de setembro de 2013. O programa lúdico-educativo de apertura de centros escolares públicos fóra do horario lectivo en Silleda volta a partir de pasado mañá mércores. O proceso de adxudicación do servizo rematou hoxe coa apertura do sobre B, e a empresa proposta resultou ser Acode, ao acadar unha maior puntuación.

Ao proceso, realizado de forma aberta, presentáronse este ano un total de cinco empresas. O informe realizado por un membro do Consello Municipal de Educación, procedemento que tamén se realizou o ano pasado, foi unha das claves para a concesión.

Este servizo, impulsado dende a Concellería de Educación,  está dirixido a nenos/as de entre 3 e 12 anos, con actividades nos CEIP da Silleda fora do horario lectivo, e tamén durante as vacacións de Nadal e de verán.

O prazo de inscrición rematou o pasado día 5 cun total de 38 alumnos/as inscritos, cos que comezará a funcionar o programa o vindeiro mércores.

Este ano, á vista de que o servizo viña resultando moi deficitario para as arcas municipais,  realizouse un estudo sobre a media de asistencia e as necesidades reais dos usuarios deste  programa que nace para a conciliación da vida laboral e familiar.

Así, e respecto a anos anteriores redúcese o prezo de licitación, pasou de de 80.000 a  40.000 euros e de forma correlativa tamén se rebaixou o número de prazas ofertadas, e o horario de atención, que será de 15.00 a 21.00 horas.

Dende o departamento de Educación, que asumirá Pilar Peón, advírtese que era necesario realizar estes axustes para poder seguir mantendo este servizo que sí precisan realmente algunhas familias de Silleda. “Pese a que estamos en época de crise, facemos un esforzo para manter este programa e axudar así ás familias que necesitan contar con este servizo”, engade Pilar Peón.

 

Maña martes, reunión cos proxenitores

Dende o departamento de Educación tamén se convocou aos pais e nais usuarios/as deste servizo para manter un encontro informativo mañá martes, ás 21.30 horas na Casa da Cultura de Silleda, no que se explicará o funcionamento do servizo e distintas cuestións relacionadas co programa lúdico-educativo.