Silleda, 10 de setembro de 2013. O vindeiro venres día 13 terá lugar o acto de inauguración das obras de mellora e ampliación do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira. A cita comezará ás 20.30 horas, e nela está prevista a asistencia de representantes da Administración Autonómica así como de distintos colectivos e asociacións, socios da entidade, membros da Corporación Municipal de Silleda e veciños da Bandeira e a súa contorna.
Ao acto, no que haberá un percorrido polas novas instalacións, está previsto que asistan, entre outros, o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo,e o director xeral de Desenvolvemento Rural.
Os traballos de mellora comezaron o pasado mes de maio e foron executadas pola empresa Areán Construccións.
O proxecto vén a mellorar a dotación do Centro Cultural Vista Alegre, todo un referente na comarca dezana no tocante á dinamización social e cultural. Nas novas dependencias, na planta baixa, plantéxase un novo acceso. Dende o vestíbulo poderá accederse á aula, aseos, sala de exposicións, escenario e tamén ao antigo edificio. Na primeira planta atópase unha aula multimedia e biblioteca.
Esta actuación, cunha inversión de 146.500 euros, financiarase coa subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, ás que o Concello de Silleda concorreu co proxecto de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, e con fondos municipais. Así, o Concello aportará a estra obra 47.070 euros.
O alcalde, Manuel Cuíña, lembra que se trata da maior inversión acometida este ano no municipio.