Silleda, 12 de setembro de 2013. O Concello de Silleda vén de renovar o convenio coa Secretaria Xeral de Igualdade polo que contará, un ano máis co servizo de teletradución para inmigrantes. O alcalde, Manuel Cuíña Fernández, vén de asinar a citada ampliación do servizo, que se manterá agora ata o 31 de agosto de 2014.
Este servizo de teletradución está pensado para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada por inmigrantes residentes en Galicia, especialmente para mulleres.
A través desta plataforma de teletradución, as mulleres, entre outros sectores da poboación inmigrante, terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.
O sistema permite aos usuarios/as comunicarse telefónicamente cun intérprete, desde calquera centro no que se atope, así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen usuarios, a persoa profesional da entidade e a intérprete.
“Trátase dun recurso vantaxoso para prestar unha atención axeitada a este sector da poboación cando precisen de acceder aos recursos que ofrecen os servizos sociais”, sinala Manuel Cuíña.