As obras de reparación de Portodabalde, a punto de rematarse

Silleda, 18 de setembro de 2013. As obras de reparación do vial de Portodabalde, na ponte sobre o río Refoxos, están xa a piques de rematar. Pese a que o prazo da actuación era de un mes, rematando o vindeiro 30 de setembro, as obras executaronse a bo ritmo.

O alcalde e responsable municipal de Obras, Manuel Cuíña, visitou os traballos xunto con Luis Rodríguez, que asumirá dende a vindeira semana o departamento de Medio Ambiente.  A actuación está xa na fase final ao quedar só pendente a dotación de aglomerado sobre a ponte, que xa foi reconstruída.

Cuíña lembrou que se trataba dunha das obras máis apremiantes do termo municipal, polo gran deteriorio da tubaxe da ponte,  que ameazaba con derrubar o paso sobre o río. A obra foi incluída xa o pasado ano no Plan de Investimentos da Deputación (PID), pero pese a tratarse dunha obra urxente, os traballos tiveron que retrasarse durante meses debidos as condicións do río, xa que o elevado caudal dificultaba a execución das obras.

 

Reapertura do vial

As obras foron adxudicadas á empresa Pena Caramés por 34.001 euros Dende o goberno municipal, que solicitou axuda á administración provincial para acometer esta actuación, xa se restrinxira o  tráfico a vehículos agrícolas e pesados  (ata 4 toneladas) neste punto dende agosto de 2012, a vista do mal estado do vial neste punto.  “Era moi urxente arranxar este vial, que é ademais o principal acceso á parroquia de Parada”, engade Cuíña.

O vial reabrirase ao tráfico, que estivo desviado dende o pasado día 3 de setembro,  en canto rematen os traballos.

Foi no verán pasado cando se detectou a formación de socavóns por mor  do afundimento dos tubos metálicos que forman parte da estructura da carretera e dende a Asociación de Veciños de Parada se alertaba do grave perido que supoñía. Pouco despois a Xunta de Goberno Local aprobou un proxecto de reparación urxente e extraordinaria, ao tempo que se solicitaba tamén dende o Concello ao organismo autónomo Augas de Galicia autorización para a retirada de toda a canalización do regato sobre a que se asenta o vial.