A súa fin é radiografar a situación actual do municipio coñecendo as inquedanzas e necesidades da poboación
A consulta poderá cubrirse dixitalmente na páxina web municipal ou en papel no Concello, no centro cultural Vista Alegre, no auditorio, na biblioteca e na Escola de Música
O prazo para contestar remata o venres 14 de xuño
Coa fin de seguir desenvolvendo a Axenda 2030, o Concello de Silleda convida a toda a veciñanza maior de 16 anos a cubrir a enquisa destinada a facer un diagnóstico da situación municipal actual, paso previo á elaboración dun plan de acción para poder acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable contemplados no programa.
A enquisa recollerá cales son as principais necesidades e inquedanzas da poboación coa fin de determinar que actuacións se consideran máis urxentes. Veciñas e veciños poderán plasmar na mesma as súas opinións sobre asuntos de vital importancia como os servizos que ofrece o Concello, o emprego, a mobilidade, a violencia de xénero, a eficiencia enerxética ou a participación veciñal.
Os resultados desta enquisa permitirán saber cales son as preocupacións da veciñanza e como lles gustaría que fose a Silleda do futuro. Elaborarase con eles un diagnóstico que se utilizará como base para elaborar a Axenda 2030 adaptada á realidade do municipio e, a partir de aí, poder deseñar o programa de acción que se levará a cabo nos vindeiros anos para lograr que Silleda continúe progresando nos eidos social e económico sendo máis solidaria, inclusiva e respectuosa co medio ambiente.
Todas as persoas interesadas en cubrir a enquisa poderán facelo na páxina web do Concello dentro do apartado dedicado á Axenda 2030. Trátase dunha consulta anónima que pode contestarse nun tempo aproximado de cinco minutos.
Pensando na veciñanza que non ten acceso a internet ou non se manexa con medios dixitais, así como para aquelas persoas ás que lles resulte máis cómodo, a enquisa imprimirase tamén en papel e estará a disposición do público no Concello de Silleda, no Centro Cultural Vista Alegre, no auditorio municipal Manuel Dopazo, na Escola de Música e na biblioteca municipal. Tamén se enviará aos centros educativos para que o alumnado a leve as súas casas.
O Concello de Silleda, coa vista posta en facer unha diagnose o máis representativa posible, anima encarecidamente a toda a veciñanza a participar na enquisa. A consulta pecharase o venres 14 de xuño.
Así mesmo, e con idéntica fin de darlle voz ás veciñas e veciños de Silleda, en datas próximas levaranse a cabo varias mesas de debate sectoriais nas que participarán persoas vencelladas a distintos colectivos.
Ampla información na web
Para facilitar o acceso á información sobre a Axenda 2030, a páxina web de Silleda actualizouse recentemente cun apartado dedicado en exclusiva a este programa de desenvolvemento sostible promovido pola ONU.
A través de vídeos e outros documentos divulgativos, veciñas e veciños poderán coñecer máis polo miúdo que é a Axenda 2030 e cales son os obxectivos de desenvolvemento sostible que promove. Ademais, o profesorado dos centros educativos atopará material pedagóxico, como guías ou xogos, para traballar co seu alumnado.