Silleda, 25 de setembro de 2013. A mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego” chegará a vindeira semana ao Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.
Esta exposición que conmemora os 50 anos dunha das obras máis emblemáticas da literatura galega e consitue tamén unha homenaxe ao seu autor, Xosé Neira Vilas, estará na sala de exposicións do centro do 3 ao 11 de outubro próximos.
Así, a mostra impulsada pola Consellería de Cultura e Educación, e organizada pola Concellería de Cultura e Normalización Lingüística de Silleda, e que ven visitando distintos municipios pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), servirá tamén para estrear a nova sala de exposicións do Centro Cultural da Bandeira, nas novas dependencias.
Na xornada inaugural, o xoves día 3, visitarán a mostra o alcalde, Manuel Cuíña, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o escritor Xosé Neira Vilas e o comisario da mostra, Xosé Luis Reimóndez
Ademais desta visita tamén se celebrará o habitual encontró do escritor con escolares, neste caso con alumnos e alumnas do IES Pintor Colmeiro de Silleda.
A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de “Memorias dun neno labrego”, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés).
Dende a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, apostouse por traer ata a Bandeira esta exposición, “non só por todo o que significa a historia de Balbino nas nosas letras así coma o seu creador, senon tamén polo seu carácter didáctico á hora de impulsar o hábito da lectura”. Do mesmo xeito, Margarita Campos apunta a que esta exposición terá un carácter simbólico na vila, “porque estreamos a ansiada ampliación de Vista Alegre, un centro levantado co esforzo dos emigrantes en Bos Aires, cidade na que se publicou a obra, e que comezou sendo unha escola nun entorno rural coma no que vivía o célebre Balbino”, engade.