Silleda, 28 de setembro de 2013. O Concello de Silleda vén de renovar o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a prestación do servizo de recollida e tratamento de vehículos fóra de uso. Este convenio caducara o pasado mes de maio.
Dende o organismo provincial adxudicouse por concurso á empresa Vigoto Uno hai dous anos este servizo, que agora se prolonga ata o 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña Fernández, asinou a pasada semana a renovación deste acordo, para os municipios de menos de 50.000 habitantes.
Con este convenio, a Deputación de Pontevedra comprométese a recoller e transportar vehículos que estén en situacións de abandono e que segundo as condicións legais sexa considerados residuos. Logo son depositados nun centro de tratamento autorizado, onde se realiza o proceso de desmontaxe e descontaminación, que deben de estar efectuados, segundo recolle o acordo, nun prazo de 15 días.
O Concello de Silleda comprométese mediante este acordo a facilitar á empresa adxudicataria do servizo a documentación do vehículo e o contacto do propietario. “Consideramos que se trata dun servizo beneficioso, porque aínda que na maioría dos casos en que se veñen tramitando denuncias contra vehículos abandonados na vía pública, se consigue que os propietarios os retiren, advertidos das correspondentes sancións, é necesario contar con servizos coma este para certo tipo de casos”, engade o alcalde.