Silleda, 2 de outubro de 2013. O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Medio Rural e Servizos, que dirixe Klaus Brey, arranxa estes días o acceso ao lugar de Cabana, na parroquia de Moalde. Trátase de un vial que se atopaba nun estado moi deteriorado, cun grave afundimento do firme entre outras carencias.
Operarios municipais iniciaron o pasado martes os traballos, coa dotación de mallazo e formigón para reparar o vial. “Queremos acometer unha mellora integral neste tramo que estaba en moi malas condicións”, engade Klaus Brey, que visitou os traballos en compañía do concelleiro de Medio Ambiente, Luis Rodríguez. “Era unha das necesidades máis apremiantes que tiñamos en canto ao arranxo de accesos no rural”, engade. Ademais da mellora do vial tamén se procedeu á apertura de cunetas.