Silleda, 11 de outubro de 2013. O goberno silledense vén de aprobar en xunta local de goberno o proxecto para a mellorar os calellos da Bandeira, situados no entorno da praza da Feira desta localidade. O pasado mes de maio, o Concello de Silleda concorreu á liña de axudas autonímica para
para adecuación ou mellora de espazos urbanos comerciais con esta iniciativa para mellorar os calellos da Bandeira, unha tipoloxía urbana singular e emblemática desta vila ligada á celebración de mercados tradicionais e ambulantes.
Na memoria valorada recóllense distintas actuacións para a posta en valor e mellora do entorno nestes espazos. Na xunta de goberno local acordouse tamén convidar a tres empresas do municipio para presentar as correspondentes ofertas para esta actuación, cun orzamento de 33.354,54 euros (a subvención sería de 25.015,91 euros, o 75%, mentres que o resto se financiaría con fondos municipais).
O obxecto desta obra pasa por dignificar un espazo público moi concorrido durante as xornadas de feira tradicional dos días 14 e 29 de cada mes. A proposta busca reparar e implementar a accesibilidade arquitectónica, eliminando barreiras existentes; instalar unha iluminación pública axeitada; reparar o pavimento deteriorado e tamén dotar a zona de mobiliario urbano.
As actuacións levaranse a cabo nos calellos da Pomba, do Pulpo, da Capela, o dos Caldeireiros e tamén na praza da Feira. Disporase dun mínimo de dous farois (tipo Charleston) por calello, papeleiras e bancos, entre outro mobiliario.
O alcalde e concelleiro de Obras, Manuel Cuíña, lembra que a posta en valor e conservación dos calellos, “como trama urbana única e singular formaba parte das propostas do grupo socialista en materia de urbanismo”.
A actuación ten que estar rematada a finais do vindeiro mes de novembro.