Silleda, 23 de outubro de 2013. Hoxe comezaron en Silleda as tarefas de lavado dos colectores de vidro no termo municipal de Silleda. Esta actuación chega logo da solicitude formulada dende a Concellería de Medio Ambiente, Comercio e Industria, que dirixe Luis Rodríguez. “Era unha petición que tiñamos pendente no ámbito da mellora da recollida selectiva no noso municipio”, sinala o edil. En total, hai 57 unidades ubicadas en distintos puntos do termo municipal. Logo do lavado en Lamela e na Bandeira continuaráse en Silleda e noutras localidades onde se dispón deste servizo. A empresa encargada da recollida é a firma silledense Sima.
Media de 10 toneladas ao mes
Os datos de recollida de vidro en Silleda veñen a dar conta dun elevado nivel de sensibilización na reciclaxe deste material. Así o volume de recollida ven aumentando nos últimos anos. En 2010 recolléronse en Silleda 125 toneladas de vidro; en 2011 foron 130 e en 2012 a cifra elevouse a 139 toneladas.
Segundo os datos do actual exercicio, ata o pasado mes de setembro recolléronse 107.000 kilos. “Se temos en conta que a media é de 10 toneladas depositadas ao mes, seguimos tendo moi boas cifras”, apunta o edil advertindo que coa crise algunhas empresas cambiaron o material dos envases para aforrar custes.