Silleda, 23 de outubro de 2013. O goberno silledense vén de adxudicar á empresa Instalaciones Deza S.L., o proxecto para mellorar os calellos da Bandeira, situados no entorno da praza da Feira desta localidade. O pasado mes de maio, o Concello de Silleda concorreu á liña de axudas autonómica para a adecuación ou mellora de espazos urbanos comerciais con esta iniciativa para mellorar os calellos da Bandeira, unha tipoloxía urbana singular e emblemática desta vila ligada á celebración de mercados tradicionais e ambulantes.
O proxecto foi aprobado en días pasados en Xunta de Goberno Local, convidándose despois a tres empresas do municipio a presentar ofertas. A da firma adxudicataria foi a mellor dende o punto de vista económico para levar a cabo esta actuación, que suporá unha inversión de algo máis de 33.000 euros, e que debe de estar rematada o 30 de novembro próximo.
Con esta iniciativa búscase a posta en valor e mellora do entorno neste espazo, dignificando unha zona moi concorrida durante as xornadas de feira tradicional dos días 14 e 29 de cada mes. A proposta busca reparar e implementar a accesibilidade arquitectónica, eliminando barreiras existentes; instalar unha iluminación pública axeitada; reparar o pavimento deteriorado e tamén dotar a zona de mobiliario urbano.
As actuacións levaranse a cabo en cinco tramos adxacentes á praza: nos calellos da Pomba, do Pulpo, da Capela, o dos Caldeireiros, dos Cacharreiros e tamén na propia praza da Feira. Disporase dun mínimo de dous farois por calello, papeleiras e bancos, entre outro mobiliario urbano.