Silleda, 31 de outubro de 2013. O Club de Xadrez Ágora de Silleda segue mantendo aberta a participación nas clases de xadrez que se imparten, en colaboración coa Concellería de Deportes, na Casa da Xuventude, de xeito totalmente gratuito. A iniciativa, na que xa participan unha vintena de nenos e nenas, vense celebrando todos os venres, en horario de 17.30 a 19.30 horas. As clases están abertas a público de todas as idades.
Aquelas persoas que estén interesadas só teñen que achegarse os venres á Casa da Xuventude para anotarse.
Por outra banda, o vindeiro sábado día 9, o Club Ágora celebrará un torneo no Bar Pukará de Silleda, aberto a afeccionados e amantes desta modalidade deportiva. Celebrase todo día e as persoas interesadas en participar deben acudir ao citado local ás 10.00 horas para inscribirse.
“Queremos aproveitar tamén para convidar á xente que o desexe a que se anime a sumarse ao club e participar na liga galega de xadrez”, sinala Luis Cejo, dende a entidade.
O Club Ágora é un dos máis veteranos de Galicia que están federados, e conta con máis de 25 anos de traxectoria. O pasado ano ascenderon a Segunda Divisón, participando ademais en diferentes torneos.
Dende a Concellería de Deportes o seu responsable, Klaus Brey, eloxia a iniciativa do Clube, por difundir entre a cidadanía “ e sobre todo na poboación máis nova, unha práctica deportiva con moitos beneficios no desenvolvemento intelectual ou o rendemento escolar”, engade.