As clases, para a rapazada a partir de 5 anos, e para persoas adultas, iniciaranse o vindeiro mércores día 3
Xa se están a vender no Concello os bonos para toda a tempada
As piscinas municipais de Silleda, con dous recintos en Silleda e na Bandeira, abrirán ao público o vindeiro luns día 1. Xa dende esta primeira xornada poderán realizarse tamén as inscricións para os cursos de natación co propio persoal de socorrismo (a partir das 12:00), tanto nas piscinas de Silleda como nas da Bandeira.
O horario dos cursos será como nos últimos anos pola mañá dende as 12:00 horas e establecerase en función do número de quendas necesarias para a realización dos mesmos.
Ao igual que o ano pasado, tamén se ofrecerán cursos de ximnasia na auga para persoas adultas.
Os cursos de natación para nenos e nenas (a partir de 5 anos), serán os luns, mércores e venres de 12:00 a 14:15 horas. Para os maiores, os martes e xoves tamén no mesmo horario. As clases comezarán o mércores día 3.
O prezo dos cursos é -no caso de persoas abonadas- de 3 euros ao mes en infantil e 9 euros para persoas adultas. Os que non dispoñan de bonos pagarán 20 euros/mes.
Estes bonos, para todo o verán xa se están a vender nas dependencias do Concello de Silleda, (planta baixa mostrador de Benestar) dende o pasado martes.
O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Por cada persoa que figure como titular da familia abonaránse 10 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, o segundo paga 8 euros, e a partir do terceiro fillo, este último non pagará.
Horario de apertura
As piscinas abrirán ao público a partir das 14:30 e ata as 20:30 horas, de luns a venres. Os sábados, domingos e xornadas festivos, o horario será de 15:00 a 20:30 horas.
O custe da entrada ao recinto será de 1 euro por día, tal e como recolle a ordenanza da taxa polo uso de instalacións deportivas, e abonarase nas propias instalacións.