Silleda acolle un curso gratuito de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras

 

Silleda, 5 de novembro de 2013. Dende o vindeiro luns día 18 e ata o venres 22 deste mes celebrarase na Casa da Cultura de Silleda un curso de prevención de riscos laborais nas explotacións agrogandeiras. É totalmente gratuito e as persoas interesadas en asistir deben de anotarse antes do vindeiro día 11, chamando ao teléfono 981 591012.

Esta iniciativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral conta coa colaboración da Concellería de Medio Rural, que dirixe Klaus Brey, e o departamento de Formación, da man de Pilar Peón.

O horario do curso, que é presencial, será de 18.00 a 21.45 horas.  O obxectivo é proporcionar unha formación específica aos traballadores e profesionais do sector agrogandeiro e forestal en materia de prevención dos riscos laborais inherentes a estas actividades, e crear unha cultura preventiva para diminuir os accidentes laborais no sector.

No módulo aboradaránse conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, os riscos xerais nas explotacións, e cuestións específicas relacionadas co uso de maquinaria agrícola, manexo de animais, agroquímicos, fosas de purín… Tamén se impartirán nocións sobre primeiros auxilios e unha parte que será práctica.

“Consideramos que se trata dun curso de interese para todos aqueles veciños e veciñas que traballan no sector agrogandeiro, xa que se ofrecerá formación e consellos para previr riscos e accidentes”, engade Klaus Brey .

Dende o departamento de Emprego tamén se están a remitir cartas coa información sobre o curso a traballadores/as do sector agrogandeiro do municipio silledense.