O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e a concelleira de Cultura, Margarita Campos, mantiveron hoxe un encontro en Santiago co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao que lle solicitaron a colaboración do seu departamento para dotar de mobiliario as novas dependencias do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira e as do auditorio Manuel Dopazo.
Así mesmo, dende o goberno municipal de Silleda tamén se lle solicita axuda ao departamento autonómico para rematar a segunda e última planta do novo edificio de Vista Alegre.
“Foi un encontro moi cordial e positivo no que o secretario xeral amosou a súa dispoñibilidade para estudar os proxetos que lle presentamos e que xa lle foran avanzados durante a inauguración das obras de ampliación do centro”, explica o rexedor.
Así, no citado acto, que se celebrou o pasado 13 de setembro, o secretario xeral amosou o seu interese pola intensa actividade cultural da vila da Bandeira, e a súa vontade para colaborar no remate dos traballos.
“Aquel día quedamos en reunirnos e levalle unha proposta e hoxe por fin materializouse este encontro, que agardemos que de os seus froitos”, engade Margarita Campos.
Na reunión presentáronlle un amplo dossier sobre os dous centros, e as instalacións, así como información sobre os distintos colectivos e entidades da Bandeira e a súa contorna, e os respectivos orzamentos.
Equipamento e última planta
No caso do Centro Cultural Vista Alegre o proxeto contempla mobiliario para a biblioteca e a aula de informática, e no do auditorio para diversas dependencias.
“Pese a levar anos en funcionamento, a falta de equipamento é unha das eivas deste centro cultural, onde se desenvolven a diario moitas actividades cun considerable número de usuarios”, explica Margarita Campos. Así, plantéxase a dotación de mobiliario para o despacho do director, as aulas de ensaio da Banda e de baile (cos seus repectivos almacéns); aulas de formación, conserxería e tamén para o escenario.
O orzamento total para equipar estes dous recintos culturais da Bandeira ascende a 30.000 euros.
Outra das cuestións plantexadas é o acondicionamento da última planta do novo edificio de Vista Alegre. Estas dependencias foron inauguradas o pasado mes de setembro, quedando só pendente o remate do andar superior, que se atopa en estado de obra, sen pavimentos, tabiques e acabados interiores. Esta actuación ten un orzamento de 32.224, 67 euros.
“Agardamos que dende a Consellería de Cultura se poida contribuir con esta iniciativa, moi necesaria para o funcionamento diario das dúas dependencias culturais”, engade o alcalde, que agradece a Anxo Lorenzo que atendera a petición do goberno silledense.