Aprobada provisionalmente a nova ordenanza fiscal que regula a taxa polo servizo de recollida de lixo

 

Silleda, 12 de novembro de 2013. A nova taxa que regulará o servizo de recollida de lixo en Silleda quedou aprobada hoxe inicialmente nun pleno extraordinario, cos votos a favor do goberno municipal socialista e as abstencións do PP e BNG. A taxa, que levaba sen actualizar dende o ano 1996, pasará no vindeiro ano 2014 de 30,05 euros ao ano para as vivendas a 72 euros anuais. Esta suba do, 139,6 por cento, aplicarase de xeito proporcional a establecementos comercias, hosteleiros, talleres…

Na sesión, na que todos os grupos recoñeceron que a taxa actual é insuficiente para cubrir os custes do servizo, o alcalde, Manuel Cuíña, explicou que na actualización non se contempla a suba de Sogama, que en principio asumirá o Concello. Así, segundo os datos do estudio económico realizado polo servizo de Intervención, coa aplicación da nova taxa o padrón quedaría en 407.000 euros (na actualidade é de 170.629,71 euros). O custe do servizo, sen ter en conta a suba de Sogama situarase en 461.958 euros. A suba das taxas para o servizo, “enormemente deficitario”, segundo recolle o estudo económico elaborado polo Concello, era ademais un dos acordos do Plan de Axuste, aprobado por unanimidade no pleno de marzo de 2012.

A ordenanza incluirá ademais, a proposta do PP, bonificacións para beneficiarios do RISGA e as rendas máis baixas. Unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia o acordo de aprobación inicial da ordenanza, o texto estará exposto ao público durante un mes. Se hai alegacións, deberán resolverse antes da aprobación definitiva.