- Esta mañá tivo lugar o primeiro contacto coa empresa adxudicataria das obras de mellora da mobilidade peonil e seguridade que afectarán á avenida Recinto Feiral e a rúa Arturo Pérez Lázara
- As obras están cofinanciadas polo Concello de Silleda, cun 15%, e pola Deputación de Pontevedra co 85%
A alcaldesa de Silleda mantivo esta mañá o primeiro encontro coa empresa Excavaciones Midón S.L., adxudicataria das obras de Mellora da Mobilidade Peonil e Rexeneración Urbana da Avenida Recinto Feiral e de L.C. Arturo Pérez Lázara, adxudicadas por 802.977,48 € para concretar o inicio inmediato dos traballos.
A este primeiro encontro asistiron o representante da empresa, Roberto Midón; o director das obras, Román Gómez Fraiz; e os concelleiros de Vías e Obras, Antonio Losada; e Medio Ambiente, Manuel Requijo. A concelleira de Educación, Ángela Troitiño, asistiu tamén para coñecer de primeira man as afeccións dos centros educativos durante as obras.
Durante o visita comprobáronse criterios organizativos e os prazos técnicos tanto da execución como dos materiais ao desenvolverse a obra durante o verán, xa que “estamos de novo fronte a unha obra de gran envergadura no casco urbano e temos que garantir un desenvolvemento da mesma con total garantía de seguridade para as e os veciños” dixo a alcaldesa.
Logo da marcaxe de instalacións existentes, a empresa acometerá na semana que ven o replanteo total das obras coa dirección de obra e comezará a instalación das medidas de seguridade necesarias.
Ademais, aínda que a empresa ten por contrato un prazo de 150 días para a execución das obras, acordouse priorizar a zona escolar para garantir que, coa chegada do novo curso, non haxa problemas co transporte escolar.
Pola súa banda, a alcaldesa reclamou tamén, tanto á empresa como a dirección de obra, controis para os accesos á piscina e campo de fútbol, dúas dependencias con moito uso neste período vacacional. “É importante que a veciñanza teña as menores dificultades para acceder a estes centros de ocio e deporte”, dixo
A execución deste proxecto supón a rexeneración urbana do tramo da avenida Recinto Feiral, á beira do que se sitúan o CEIP Plurilingüe de Silleda e o pavillón municipal “César G. Fares”, así como na rúa Arturo Pérez Lázara, na que está situado o estadio municipal de fútbol de Outeiriño, e o seu entorno. As obras tamén afectarán á baixada á Escola de Música Municipal.
Ademais da renovación do pavimento e beirarrúas, seguindo a filosofía de mobilidade aplicada na rúa Progreso, tamén se renovará todo o alumeado e mobiliario público, incluíndo a renovación de toda a baranda no tramo lindeiro co aparcadoiro do recinto feiral Semana Verde.
Coas melloras incluídas do contrato reduciuse o prazo de execución a 150 días en total e instalarase un novo valado no perímetro da piscina, suprimíndose o seto que xera moitos problemas de salubridade.
Esta reforma integral da zona deportivo-escolar de Silleda executase no marco do Programa PON2030 da Deputación de Pontevedra, cun orzamento inicial 893.189 euros, dos que 759.211,18€ son aportados pola entidade provincial (85%) e o Concello asume unha cofinanciación con recursos propios de ata 133.978,44 € (15%). Finalmente a obra foi adxudicada 802.977 euros a empresa Excavaciones Midón e unha vez que se remate a mesma establecerase a aportación definitiva que deberá facer cada administración, mantendo as porcentaxes do 85% a Deputación e do 15% o Concello de Silleda