A OMIX de Silleda informa do programa de microcréditos para moz@s emprendedor@s

Silleda, 30 de maio de 2013. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) ofrece información sobre o plan de microcréditos promovido polo Instituto Nacional de Juventud (Injuve), a Dirección Xeral de Xuventude  e a entidade Microbank, o banco social da entidade 'La Caixa', para financiar proxectos empresariais de mozos e mozas emprendedores.

Poderán beneficiarse desta medida as persoas menores de 35 anos que teñan dificultades para acceder ao sistema tradicional de créditos.

Na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), situada na Casa da Xuventude,  ofrécese información e documentación precisa a aquelas persoas que estén interesadas en acollerse a estas axudas, para as que é necesario presentar un plan de empresa.

Estes microcréditos concédense para proxectos de autoemprego, e para outros de inicio, consolidación ou ampliación de microempresas e iniciativas empresariais por conta propia.

O importe máximo é de 25.000 euros (cun máximo do 95% da inversión). Dende o departamento municipal de Mocidade, que dirixe o concelleiro Klaus Brey, tamén se informa destas axudas a través da web municipal (silleda.es) no banner adicado á OMIX. “Consideramos que é unha iniciativa que pode interesar aos mozos e mozas de Silleda que estén pensando en crear a súa propia empresa, apostando polo autoemprego, nestes tempos no que precisamente o colectivo da mocidade está a ser un dos máis castigados pola lacra do desemprego”, sinala o concelleiro.

Esta iniciativa enmárcase nas tarefas de información e difusión que se veñen realizando dende a OMIX para ofrecer ao colectivo dos máis novos programas e iniciativas específicas das que poden beneficiarse.