A Romaría do Rapaz volta o 29 de xuño a Siador co mundo do circo como eixe temático

Silleda, 13 de xuño de 2013. A Romaría do Rapaz voltará ao recinto da Saleta de Siador o vindeiro domingo día 29, coa celebración da vixésimo sexta edición do certame. Esta festa singular e única en Galicia, onde os cativos son os protagonistas e tamén organizan a maioría das actividades, coa coordinación dende a Concellería de Cultura, contará este ano co circo como fío conductor da xornada.

A Romaría comezará ás 11.00 coa apertura dos obradoiros e actividades multiaventura, que continuarán durante toda a xornada. Entre os obradoiros figuran o de chapas, maquillaxe, pulseiras de coiro, de panadería, carteiras de goma eva, horta ecolóxica e unha ludoteca para os máis pequenos. No apartado de multiaventura e deporte, non faltarán os xa clásicos  hinchables, tirolina, rollerball, rocódromo, cabalos e petanca, impartido polo Club Petanca Bandeira.  Como novidade este ano súmase ao apartado un gran futbolín humano.

Estas actividades, ao igual que os obradoiros antes citados,  estarán abertas ata as 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 19.30 horas.

 

Ademais das actividades deportivas físicas, os nenos e nenas tamén poderán exercitar a súa mente con partidas simultáneas de xadrez, impartidas polo clube local Ágora a partir das 16.00 horas.

Ao mediodía, sobre ás 12.30, terá lugar a Eucaristía infantil, que este ano contará con unha procesión dende o pazo de Sestelo ata a igrexa da Saleta, con motivo da celebración do 150 aniversario do santuario, o primeiro de España adicado a esta virxe.

O xantar tradicional na carballeira, que como en anos anteriores contará coa presenza de pulpeiro, estará amenizado polos Gaiteiros da Pereiriña. Á música tradicional sumaranse na xornada outros sons, coma os dos percursionistas do grupo Aperta, seguindo a liña de animación circense que abrirá este grupo.

“O circo será este ano o eixe temático da Romaría, pola súa diversidade e riqueza cultural”, engade a concelleira de Cultura, Margarita Campos. Así, nesta xornada contarase con dúas sesións didácticas a cargo da Escola Saltimbanqui, da compañía Pista Catro; os participantes poderán aprender os conceptos básicos da dinámica circense contando con profesionais destas artes.

Tamén haberá entre as actuacións de animación espectáculos relacionados co mundo do circo, como Don Gelati e un grupo de diverpaiasos con globoflexia que en honor a uns dos personaxes máis emblemáticos das carpas circenceses, que inundarán tamén Siador, con unha decoración acorde ao lema deste ano.

“Na liña didáctica que abrimos coa escola Saltimbanqui, tamén contaremos con un obradoiro de títeres, que será impartido pola compañía Viravolta”, engade a concelleira.

Dous escenarios principais

No recinto de Siador, haberá dous escenarios principais respondendo a un concepto de dualidade escénica: os obradoiros permanentes estarán ubicados nos alpendres do santuario, e as actividades didácticas puntuais celebraránse nunha carpa anexa.

“Xogando con esta dualidade, poderemos disfrutar de tres sesións de contacontos e títeres nun escenario alternativo ao anfiteatro, onde se desenvolverán como vén sendo habitual os espectáculos finais”, apunta a concelleira.

Estas sesións estarán amenizadas por: “Contacontos e outras andrómenas”, “Cocer e cantar”, e “Brancaflor”, a cargo da compañía Seis Dedos. Serán sesións interactivas para que o público sexa tamén protagonista destas orixinais propostas.

Últimos espectáculos, no anfiteatro

As exhibicións das escolas deportivas municipais tamén se sumarán ao programa deste ano, con unha mostra que terá lugar no anfiteatro, a partir das 18.30 horas, na que participarán alumnos/as de Kun-fu e Zumba. A continuación, celebrarase os play backs e desfile de moda realizada con material de refugallo, “un dos clásicos que xa non poden faltar nesta cita ineludible para centos de nenos e nenas”.

Esta previsto que o playback comece ás 19.30 horas, coordinado por Acode, que xestiona o Servizo Lúdico Educativo do Concello.

Fin de festa

A compañía “Os sete magníficos máis Un” será a encargada este ano de poñer o broche de ouro á Romaría do Rapaz en Siador. Cando remate o desfile comezará o espectáculo final, que en consonancia coa temática circense deleitará ao público no anfiteatro coa función “Dous paiasos en apuros”.  Pedro Brandariz e Fran Rei, forman esta parella singular que ofrecerá un espectáculo de clown para toda a familia transformándose en dous tolos acróbatas que intentarán facer o “máis difícil todavía” con maior ou menor acerto.

Obradoiros de preparación

O vindeiro luns día 23 de xuño tamén comezarán na Casa de Xuventude de Silleda os obradoiros de preparación, no que os nenos e nenas realizan as súas creación para decorar o recinto. Así mesmo, a confección dos orixinais modelos que se amosarán na pasarela do anfiteatro, realizarase nas instalacións do CEIP de Silleda.

A concelleira de Cultura agradece ás entidades, empresas, asociacións, comercios, veciños e pais saletinos de Siador, e voluntarios a súa aportación “a esta festa única, que  de seguro volverá a encher de ilusión a moitos nenos e nenas”.