Aberto ata o 15 de maio o prazo para participar no campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo

Silleda, 6 de maio de 2015. A Concellería de Educación do Concello de Silleda, que dirixe Pili Peón, vén de abrir o prazo de inscrición para participar no campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo, dirixido a alumnos e alumnas de Primaria (de 3 a 12 anos).

As solicitudes para participar nas actividades de verán poderán formalizarse ata o vindeiro venres día 15. As prazas son limitadas xa que este ano a inscrición no Servizo Lúdico Educativo a inicios de curso permitía xa aos usuarios reservar prazas nos campamentos de Nadal e de Verán, para simplicar os trámites aos interesados.

O campamento contará con diversas actividades lúdicas e tamén deportivas, e desenvolverase dende que remate o curso escolar en  xuño ata a véspera de inicio do curso escolar 2015-2016, en setembro. O horario do servizo será de 09.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 20.00 horas, de luns a venres.

As actividades terán a súa base, ao igual que nos últimos anos, nas instalacións do CEIP de Silleda. Para formalizar a solicitude debe de cumplimentarse unha ficha de inscrición e adxuntar diversa documentación. Entregarase na Casa da Cultura de Silleda, onde tamén se resolverán dúbidas e se ofrecerá máis información sobre as actividades vía telefónica, chamando ao 986 581028. As taxas, ao igual que se vén facendo neste servizo municipal, abónanse segundo a renda per cápita mensual, oscilando o custe por mes entre os 30 euros (para as rendas máis baixas) e os 90 euros para as máis altas.

Aos participantes que non estén empadroados/as en Silleda abonarán o custe total, ao non aplicárselles reduccións previstas na ordenanza que regula este servizo.

“Dende a Concellería de Educación queremos continuar ofertando este servizo de conciliación para as familias durante a época estival, cunha variada oferta de actividades para os nenos e nenas”, sinala a concelleira Pili Peón.