Aberto o prazo para solicitar as axudas municipais a actividades culturais e deportivas

Silleda, 18 de abril de 2017.  O prazo para solicitar axudas a actividades deportivas e culturais outorgadas polo Concello de Silleda está xa aberto. O BOP de Pontevedra publica hoxe as bases desta subvencións que aumentan a súa contía este ano en máis dun 30 %. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes natural contado a partir do día seguinte da publicación no BOP, polo que rematará o vindeiro 19 de maio. 

En total as tres liñas de subvencións suman 98.100 euros, o que supón un aumento de algo máis dun 30% respecto á partida outorgada o pasado ano.

Ademais das culturais e deportivas, que xa se poden solicitar, a gran novidade deste ano é a convocatoria das axudas de Participación Social, dirixidas específicamente ás asociacións veciñais, para diferencialas das axudas a colectivos e grupos culturais e entidades deportivas. Neste caso o prazo de solicitude rematará o 21 de maio.

Como xa vén sendo habitual, toda a documentación e anexos a presentar poderá descargarse da web municipal e estará tamén disponible nas dependencias municipais (para descargalos nesta web hai que premer no titular desta nova).

En canto ás axudas para a realización de actividades de mantemento de asociacións culturais e realización de actividades culturais, a partida correspondente é de 58.000 euros. Poderán concorrer as asociacións culturais que estén inscritas no  Rexistro Municipal de Asociacións para financiar gastos de actividades ao longo do presente ano.

Entre os criterios a ter en conta figuran os relacionados coas asociacións (numero de socios, antigüidade, continuidade da traxectoria dende a súa creación); coas actividades (interese cultural, numero de actividades realizadas ao longo do ano, fomento da cultura no colectivo infantil…)

Terán tamén ao igual que nos últimos anos consideración especial os colectivos ou asociacións  que precisen de directores especializados para desenvolver as súas actividades.

No caso das deportivas, a contía é de 35.000 euros, dos que 10.000 euros  se destinarán como nos últimos anos á Escola de Fútbol de Silleda. Neste caso valorarase o fomento do deporte base e das escolas deportivas, o mantemento das instalacións deportivas, o número de participantes directos ou indirectos nas actividades, o interese xeral da actividade, o número de deportistas federados e tamén se valora que estes estén empadroados en Silleda.

A terceira das liñas, a de subvencións para a realización de actividades de promoción da Participación Social e/ou Veciñal tamén está destinada ás asociacións inscritas no rexistro municipal. Teránse en conta criterios como a antigüidade da asociación veciñal, o interese xeral da actividade ou o fomento da participación.

Xustificación, ata o 15 de decembro

Nos tres casos, o prazo para xustificar debidamente as axudas concedidas (presentando en cada caso a documentación requerida) remata o vindeiro 15 de decembro, se ben as entidades que así o estimen poderán solicitar unha prórroga que se aceptará se está debidamente xustificada.