Aprobadas un total de 32 axudas para o transporte universitario e de ciclos formativos

Silleda, 4 de novembro de 2015. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar a concesión dun total de 32 axudas a outros tantos veciños e veciñas do municipio, para o transporte de estudantes universitarios e e de ciclos formativos, para o presente curso 2015-2016.

Das 41 solicitudes presentadas en total, 9 foron rexeitadas por non cumprir os requisitos esixidos nas bases da convocatoria. En total repartíronse 7.000 euros, con axudas divididas en distintos tramos, e tendo en contra, entre outros, os ingresos da unidade familiar.

Así, outorgáronse 4 bolsas coa contía máxima (450 euros); outras catro de 300 euros; 7 de 225 euros; 10 bolsas de 155 euros cada unha; e outras sete de 125 euros.

A concelleira de Educación e Benestar Social, Pili Peón, avanza que a resolución será comunicada estes días aos beneficiarios, e adianta xa que nos orzamentos de 2016, que está previsto aprobar a finais deste mes, a partida destinada a estas axudas “se incrementará respecto a este curso, a vista da demanda existente”, indica.

No documento adxunto pódese consultar o listado de beneficiarios e as contías.