Emilio Pérez Touriño abre a I Xornada Formativa do Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda

-O ex-presidente da Xunta de Galicia presentará esta primeira xornada dedicada aos novos cultivos

-O encontro terá lugar o vindeiro venres, 27 de maio no Salón de Actos da Casa de Cultura de Silleda

Silleda, 10 de maio de 2016.  O Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda pon en marcha a I Xornada Formativa, dedicada aos novos cultivos e a súa visión como novas oportunidades de inversión.

Este primeiro encontro, que terá lugar o próximo venres, 27 de maio, ás 16:00 horas no salón de actos da Casa de Cultura de Silleda, contará coa presenza de Emilio Pérez Touriño para a súa apertura. O ex-presidente da Xunta de Galicia é tamén doutor en ciencias económicas e profesor numerario da Universidade de Santiago de Compostela, así coma autor de múltiples estudos sobre temas de desenrolo rexional e sobre economía agraria no ámbito da Unión Europea. Premio Nacional de Publicacións Agrarias, Pérez Touriño dirixiu así mesmo traballos e publicacións en relación coas infraestruturas e o crecemento económico de Galicia.

A programación da xornada conta con tres poñentes principais que virán a tratar outras tantas oportunidades de cultivos innovadores. Así en primeiro lugar intervirá Belén Matilla, xerente de Lutega, unha cooperativa integrada por profesionais do mundo agrario e industrial, con sede en Betanzos, que pretende a reimplantación do cultivo do lúpulo en Galicia, así coma a súa transformación e comercialización entre os principais produtores de cervexa.

José Luís Olmedo, xestor de proxectos de innovación en Hijos de Rivera, tomará o relevo para falar de Maeloc, un proxecto de investigación posto en marcha por esta empresa, no que se estudan tanto o comportamento agronómico, coma as características tecnolóxicas de distintas variedades galegas de mazá para a elaboración de sidra.

O terceiro poñente, Jacobo Prado, director xerente de Invergalia, virá a expor a labor de explotación da castaña de alto valor engadido e a súa comercialización, traballos aos que se dedica a súa empresa.

A clausura da xornada virá de man de Manuel Cuíña, Alcalde de Silleda, que estará acompañado por Francisco Ferreiro Seoane, profesor e doutor en economía na USC, Álvaro Martínez Roel, enxeñeiro agrónomo da USC, Ana Doval Fraíz, politóloga pola USC e experta en axudas europeas, e Jesús Taboada Lázara, concelleiro de Medio Rural, todos eles en calidade de moderadores da actividade.

Esta e a primeira das accións formativas previstas dende o Centro de Desenvolvemento Agrario, que continuará en próximas datas tratando outros temas coma o “Emprendemento agrario”, “Horticultura ecolóxica”, ou a “Comercialización de Produtos Agrarios”.

“Coa programación destas xornadas damos un paso máis nunha iniciativa municipal que está acaparando moita expectación ata fora das nosas fronteiras e que, aínda que sabemos que non será fácil e que levará o seu tempo poñela a andar de xeito definitivo, confiamos plenamente nela co fin de revitalizar o rural e o sector primario do noso concello”, comenta o alcalde, que ademais engade que “a formación foi dende o primeiro momento, un dos eixos deste proxecto, que conta coa admiración e o apoio de personalidades e profesionais do sector, tal e como se reflexa nas colaboracións deste primeiro encontro formativo”.