Fallados os premios da terceira edición do concursos de Microrrelatos e Microcurtas

Silleda, 9 de maio de 2014. O xurado do Concurso de Microcurtas e Microrrelatos convocado polo departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de emitir o seu fallo.

Esta terceira edición, que superou todos os récords de participación, contou con máis de 130 traballos presentados, “o que da conta do interese suscitado por esta convocatoria, xa plenamente consolidada”, engade a concelleira. O lema deste ano foi A Terra de Trasdeza.

No apartado de Microcurtas, no que se presentaron 9 creacións, o traballo gañador foi o titulado “A Lagoa Sacra”, presentado por Juan Ares Pérez e Anán Ares González, alumnos do IES Pintor Colmeiro. O traballo describe un dos paraxes do municipio, as Brañas de Xestoso, Lugar de Interese Comunitario.  O xurado estivo composto por Marga Vilariño (Nós TV) e Loli Iglesias (Pórtico Audiovisual), que destacaron o traballo de documentación e a presenza de audio e vídeo nesta creación, na que ademais figuran os propios creadores, personalizando o produto.

En canto ao certame narrativo, na categoría de 6 a 12 anos gañou o microrrelato titulado “Tan só un segundo”, presentado co seudónimo Abelaira, realizado por Nicolás Abeledo Malheiro, alumno do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.

Na categoría de máis de 13 anos o traballo premiado foi “Nomeando”, presentado por María Lamazares Taboada, alumna do IES Pintor Colmeiro, baixo o seudónimo Water Parada.

A orixinalidade das propostas,  e a calidade literaria son algúns dos rasgos destacados polo xurado da narrativa, composto polos xornalistas Blanca Paz (Faro de Vigo) e Pablo Viz (La Voz de Galicia).

A entrega dos galardóns –que consisten en tablets para os gañadores das microcurtas e de e-books para os dos microrrelatos- terá lugar o vindeiro venres día 16 ás 20.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Silleda, coincidindo coa celebración do Día das Letras. Así mesmo, os centros aos que pertencen os alumnos/as gañadores levarán tamén un lote de libros en galego.

A concelleira Margarita Campos felicita tanto aos gañadores como ao resto de participantes “que cada vez nos poñen máis difícil a elección”, destacando a calidade dos traballos presentados.

O certame xurdiu hai tres anos como fórmula para incentivar o uso do galego entre a poboación máis nova, potenciando ao mesmo tempo a creatividade.