O Centro de Desenvolvemento Agrario organiza o venres 16 a II Xornada Formativa, sobre emprendemento

Silleda, 7 de setembro de 2016.  O Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda volve programar para este mes de setembro unha nova xornada informativa. Logo da primeira sesión celebrada en abril, -baixo o lema “Novos cultivos, novas oportunidades”-, a acción divulgativa do centro silledense céntrase agora no emprendemento.

A cita terá lugar o vindeiro venres día 16 de setembro, a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura. Ademais da presentación e clausura , a cargo do alcalde, Manuel Cuiña, nesta xornada intervirán os xerentes de tres entidades que son exemplos de emprendemento no mundo agrario.

Abrirá a sesión o silledense Rosendo Estévez, xerente de Trasdeza Natur, a primeira das iniciativas impulsadas a partir da creación do Centro Agrario de Silleda, coa creación dunha horta ecolóxica.

Paula Patiño, de Conservas A Castrexa falará sobre a transformación dos alimentos, neste caso a través de conservas vexetais.

Pechará a xornada Nacho Carballal, do colectivo 4 Ponlas, de Cesantes, unha agrupación formada por produtores ecolóxicos e artesáns que fomentan o consumo responsable e de proximidade.

“Consideramos que estas iniciativas poden ser de interese para as persoas que queiran poñer en marcha proxectos relacionados co agro e todo aquel que queira achegarse a fórmulas de emprendemento”, sinala o alcalde.

A formación e divulgación é un dos eixos do Centro de Desenvolvemento Agrario que botou a andar o pasado ano en Silleda e que conta con voluntarios en varios puntos do municipio.

Nos vindeiros meses o ciclo de xornadas formativas completarase con outras dúas sesións, adicadas á horticultura ecolóxica e á comercialización de produtos agrarios.