O Concello revisará os criterios de protección de zonas arqueolóxicas no PXOM para permitir construccións na zona de respeto

 

 

Silleda, 27 de febreiro de 2013. O goberno municipal de Silleda adoptou a decisión de revisar os criterios de protección nas zonas arqueolóxicas do municipio. Esta modificación foi proposta xa á  Asociación de Veciños Santiago Apóstolo da parroquia de Taboada, que presentou un escrito amosando a súa preocupación xa que castro existente nesta localidade está alterado e os veciños vían excesiva a afección tendo en conta o estado deste xacemento.

Deste xeito, e logo da reunión mantida onte pola alcaldesa, Paula Fernández Pena, cos veciños de Taboada e cos técnicos redactores do plan adoptouse a decisión de revisar os criterios nas zonas arqueolóxicas de todo o territorio municipal.

Segundo explica a alcaldesa e concelleira de Urbanismo, a protección integral como Solo rústico de protección do patrimonio arqueolóxico ou cultural afectaría só á zona onde se ubiquen os bens culturais, mentras que o resto do ámbito que o rodea, denominadas zonas de respeto, figurarán como solo rústico, que segundo corresponda serán de protección agropecuaria, forestal ou de  augas .

“Deste xeito, nas zonas afectadas por xacementos poderíanse realizar construcción vinculadas ao rural , segundo o tipo de solo rústico que lle corresponda, contando sempre, e en todo caso, coa autorización de Patrimonio, que segundo o estado e o interese dos xacementos podería esixir un control arqueolóxico previo a calquera actuación”, engade Paula Fernández.

Bandos informativos

Nas reunión mantidas ata o de agora  nas parroquias víñase informando aos veciños/as e propietarios/as do rural que nas fincas que quedaran afectadas pola existencia de castros ou outros xacementos só se podían facer labores de cultivo ou cerramento de parcelas. Agora, a modificación dos criterios será informada mediante bandos municipais no rural. Así mesmo, dende a Concellería de Urbanismo faise un chamamento a todos os veciños afectados por xacementos arqueolóxicos para que se acheguen ao departamento a consultar as súas dúbidas sobre estas cuestión.

“Esta decisión vai a mellorar as condicións das fincas do rural situadas preto de castros, mámoas…, sempre sen menoscabar a protección destes bens culturais”, sinala Paula Fernández.

Hoxe, última reunión na Bandeira

Por outra banda hoxe remata no auditorio municipal Manuel Dopazo a axenda de reunións informativas sobre o PXOM. Á reunión están convococados os veciños/as e propietarios/as da parroquia de Manduas, incluíndo á localidade da Bandeira. O calendario abriuse o pasado día 4 de xaneiro en Parada.

Do mesmo xeito, o documento pode consultarse nas oficinas de Urbanismo e tamén na web municipal. Estará exposto ao público ata o vindeiro 17 de marzo, logo da publicación da aprobación inicial no DOGA o pasado 16 de xaneiro co que se abriu o periodo de dous meses, o máximo por lei, de consultas ao público.