O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o arquitecto autor do proxecto da nova casa consistorial de Silleda, Abraham Castro, presentaron hoxe o deseño do que será o futuro edificio de Silleda, nun acto público que tivo lugar na actual Casa da Cultura, onde se ubicarán as novas dependencias.
O rexedor lembrou o proceso e antecedentes desta iniciativa, unha proposta que se plantexou na campaña das municipais de 2015 “e que sempre dixemos que levariamos adiante co respaldo dos veciños”, engadiu o rexedor, ademáis de lembrar a celebración da consulta popular o 4 de xuño de 2017 , cunha ampla participatición (na que a veciñanza respaldou o cambio de sede e unificación dos servizos municipais) e o proceso para convocar un concurso de ideas entre os estudos de arquitectura silledenses (ao que se presentaron 4 propostas), Cuiña explicou a situación actual dos servizos municipais.
“Somos 16 personas traballando no consistorio actual, que data de 1870, outras 17 nas oficinas da rúa Alfonso Trabazo e 8 mais no Centro Social, en oficinas cunha serie de deficiencias”, explicou. Cuiña advirteu que o cambio se propón con obxectivos claros: accesibilidade, centralización, modernización da Administración Local, racionalización e aforro, “ e en consecuencia a mellora da calidade dos servizos para os nosos veciños e veciñas”, engadiu.
Así mesmo o rexedor explicou que o proxecto “suporá unha reforma completa de todo o entorno, tanto da praza Siñor Afranio como da rúa Morón”. Así avanzou que xa está listo o anteproxecto para concorrer a unha liña de axudas coa que se mellorará a zona de Morón e Alonso Ríos (rúa adxacente á citada praza).
Compromiso claro
Cuiña explicou que a vindeira semana solicitará reunión en distintas Administracións para cofinanciar o proxecto cun orzamento total (incluido IVE, gastos xerais…) de 1.236.761,69 euros.
“O noso compromiso sempre foi claro. Nunca nos endebedaremos máis aló desta lexislatura, non imos hipotecar a futuras corporacións, e polo tanto non se acudirá a créditos para facer esta obra”, explicou.
Cuiña considera que ademais do Concello de Silleda, “que a día de hoxe está en disposición de aportar o 33% do orzamento” deben de participar na reforma a Consellería de Vicepresidencia e Administracións Públicas e a Deputación de Pontevedra, aos que se proporá participar coa citada porcentaxe do custe.
Aínda que falar de prazos semella prematuro, Cuiña explica que posiblemente as obras –que se executarán nunha sola fase- se inicien o vindeiro ano.
Unha transformación total
Pola súa banda o arquitecto Abraham Castro encargouse de explicar aos asistentes os detalles do deseño, que quedará exposto nunha maqueta na Casa da Cultura.
Castro amosouse convencido de que o novo consistorio “suporá unha transformación total” a nivel urbanístico da vila.
Ademais da remodelación integral do edificio actual –ao que se lle dará un carácter máis institucional-, na parte traseira construirase un novo edificio (na marxe oposta á biblioteca, que desaparece desta ubicación) de dúas plantas, onde estarán distintos servizos e crearase un gran patio exterior, con zona axardinada, esculturas, fonte…
O edificio será totalmente accesible polas dúas rúas, con aseos adaptados en todas as plantas e renovará todo o sistema enerxético coa vista posta la Rede de Calor con Biomasa, unha aposta que comezará a executarse esta mesma semana coas obras da primeira fase.
No edificio actual estarán na primera planta o punto de atención ao cidadá, rexistro municipal, Policía Local e Xulgado de Paz. Na segunda estará Alcaldía, concellerías e os departamentos de Intervención, Secretaría e Oficinas Xerais. Na última pranta situarase o Salón de Plenos e Auditorio, separados por tabiques móviles e butacas reversible para adaptarse se fora necesario ambos espazos.
O novo edificio albergará na pranta baixa os despachos de servizos (fontanería, electricidade) e nunha zona máis recollida o departamento de Servizos Sociais. Tamén se ubicará aquí –na primeira planta- Urbanismo, o Servizo de Augas, Arquivo e outros departamentos técnicos (AEDL, Consumo, Emprego e Turismo.
As fachadas dos dous edificios contarán con materiais unificados e estarán unidos por unha pasarela tamén con dotación simbólica: cun sistema de vigas de 33 pezas que representan a cada unha das parroquias silledenses. En total a intervención contará cunha superficie construída de 1.510,89 metros cadrados, e unha superficie total útil de máis de 1.020 metros cadrados.
Castro, que bautizou o proxecto como Naturalmente Noso, explicou que o deseño parte de dous conceptos : a natureza, tan presente no municipio, e o sentimento de pertenza.