O programa Silleda Solidaria agradece as doazóns feitas polos colectivos colaboradores

 

Silleda, 19 de febreiro de 2013. O programa Silleda Solidaria vén de recibir nos últimos días doazóns artelladas polos colectivos que participan nesta iniciativa municipal. O pasado venres realizouse a través do programa un chamamento solidario para facer acopio no banco de alimentos de produtos coma leite e comida para bebés. Esta chamada tivo unha pronta e exemplar resposta, xa que nas últimas horas chegaron ao departamento de Servizos Sociais produtos doados por colectivos colaboradores.

Dende o citado departamento municipal, que coordina esta rede de axuda para os veciños/as e familias con menos recursos, enviaronse nas últimas semanas distintos avisos sobre recursos dispoñibles e outros necesarios. Este programa interconecta aos Servizos Sociais, que supervisan o proxecto, coas asociacións silledenses, que colaboran, e que a día de hoxe superan xa a quincena.

No portal web municipal o programa Silleda Solidaria conta con espazo propio no que poden interactuar os Servizos Sociais e asociación, que tamén reciben as mensaxes vía SMS. Os colectivos tamén poden poñerse en contacto co programa no caso de que detecten algunha situación que precise da intervención dos Servizos Sociais.

Nos últimos días ademais das doazóns de alimentos tamén se fixo entrega dende o Silleda Solidaria de dous carriños de bebés a familias do municipio.

Dende este programa municipal quere facerse extensivo o agradecemento a todas as asociacións, empresas e particulares que se sumaron ao programa e están a colaborar e a participar activamente.

Entre as liñas de actuación, ademais do aprovisionamento de alimentos, libros, mobles e outros enseres, ou roupa, -potenciando o roupeiro municipal- inclúese a dotación dun centro de alonxamento social na casa da estación de Ponte Taboada, actuación que segue tramitándose ante o Adif, e a creación de hortas solidarias. Nos vindeiros meses iranse materializando algunhas destas propostas.