Silleda acolle por terceiro ano o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui que traerá cinco actuacións en abril

Silleda, 19 de marzo de 2015. O municipio de Silleda acolle por terceiro ano consecutivo o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, con actividades que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de abril, organizadas pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) en colaboración co Concello de Silleda. As actuacións levaranse a cabo en Silleda e na Bandeira.

O programa, que foi presentado hoxe, comeza o vindeiro mércores día 1 de abril coa actuación Os 7 Magníficos máis Un, na Casa da Cultura de Silleda (entrada 5 euros, 21.30 horas). Pedro Brandariz e Fran Rei traen a Silleda o seu espectáculo “Bivalvos como galegos”.

Os Cempés toman o relevo o sábado 11 e abril, traendo á Bandeira  Baile 100%. A cita será no Centro Cultural Vista Alegre, cun obradoiro de baile e sesión de baile e música ao vivo. O obradoiro será pola tarde, ás 19.30 euros e ten un custe de 5 euros, o mesmo prezo que a sesión de pezas bailables que ofrecerá o grupo, tamén en Vista Alegre a partir das 22.00 horas. As persoas que asistan ao obradoiro e a sesión, recibirán como agasallo un CD do grupo. Para asisitir ao obradoiro é preciso anotarse no Centro Cultural Vista Alegre ou chamando ao 986 585550.

Tamén na Bandeira o día 18 de abril actuará Mofa e Befa, que repiten no Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui. Será no auditorio Manuel Dopazo, ás 21.00 horas, co seu novo espectáculo titulado “Bobas e Galegas”, que vén de visitar as principais cidades galegas. A entrada custa 6 euros.

O día 25 de abril o programa continua con outros dous recoñecidos contacontos: Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, que actuarán na Casa da Cultura de Silleda ás 21.00 horas (8 euros).

Pecha o cartel o actor Pepo Suevos, que tamén traerá o seu monólogo á Casa da Cultura de Silleda o 30 de abril (21.30 horas), con entradas a 5 euros.

Puntos de venta e bonos para os monólogos

O igual que nas anteriores edicións, a organización tamén pon a disposición do público a posibilidade de mercar bonos para catro das acutacións (agás a de Os Cempés) por 19 euros.  Non caso de non adquirir bonos, as entradas estarán á venda en taquilla.

Os puntos de venda de bonos estarán en Silleda  (Salón de Té, Cafetería Mari Pepa, Pukará, e A Cantina), na Bandeira (Arume Bar e A Taberna do Músico); Lalín ( Café de Mili, O Bodegón de Álex, Viños e Tapas Suso). En Rodeiro poden mercarse tamén no Café Pub Quirós; en Vila de Cruces na Cafetería Galicia e en Agolada no Bar Central.

 

O alcalde, Manuel Cuiña, que participo una presentación, xunto con Maite Isla, presidenta de Sogaps, e o responsable comarcal, Pablo Romeo, sinalou que “para Silleda é un orgullo que se realice de novo esta programación, cun cartel ambicioso e actuacións de primeiro nivel”, e animou aos veciños a acudir aos espectáculos.

A presidenta da asociación, Maite Isla, eloxiouu o traballo de Pablo Romeo, coordinador do colectivo na comarca e vicepresidente da entidade, e agradeceu a colaboración do Concello de Silleda. Isla explicou que os fondos recaudados se destinarán ao programa Vacacións en Paz, grazas ao que nenos e nenas saharauis, de entre 8 e 12 anos, poden disfrutar de dous meses de vacacións en Galicia con familias de acollida afastados das duras condicións de vida no deserto. “É das mellores xornadas culturais que se veñen celebrando, grazas ao traballo de xente nova, responsable e comprometida como Pablo”, engadiu Maite Isla.

Prazo de acollida aínda aberto

Dende a Asociación, Pablo Romeo tamén  explícou que aquelas familias que desexen acoller este verán nenos/as saharauis dentro do programa Vacacións en Paz aínda poden formular solicitudes ata finais de mes .

Asi mesmo tamén lembrou que o vindeiro sábado 28 se celebra en Lalín, no bar Viños e Tapas Suso, de Donramiro, unha cea solidaria co pobo saharaui, cun prezo de 15 euros. Contarán coa actuación da Charanga Ardores e o dúo A2.