Silleda recolle preto de 100 caixas de material de axuda para os refuxiados

-A próxima semana farase entrega do material á ONG coa que colabora o Concello

-Todos os produtos recollidos irán destinados aos refuxiados do campamento de Idomeni

Silleda, 13 de abril de 2016.  A Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Silleda, dirixida pola edil Pili Peón, dende o programa de cooperación Silleda Solidaria, está a preparar as caixas para o envío dos materiais de  primeira necesidade recollidos ata o momento con motivo da campaña de axuda ós refuxiados.

Prevese que para a próxima semana a ONG Asociación Alhambra Internacional, entidade coa que colabora o concello, faga a retirada dos máis de mil quilos que se calcula haxa recollidos ata o momento, e que neste caso, irán destinados integramente aos refuxiados do campo de Idomeni, en Grecia.

Tamén dende a organización fan un chamamento xa que, aínda que as condicións de vida dos refuxiados seguen a ser penosas, e a  necesidade  de tódolos produtos básicos segue sendo latente, por problemas de saturación loxística debido á grande cantidade de doazóns recibidas ata o momento, o servizo de recollida vaise paralizar momentaneamente ata novo aviso, agardando que a situación se solucione o antes posible.

A concelleira de Servizos Sociais, Pili Peón, envía unha mensaxe para expresar o seu agradecemento a tódolos veciños e veciñas pola súa grande colaboración con esta campaña, “que ven a amosar unha vez máis a solidariedade e o bo facer do pobo de Silleda”, indica a edil.