Aberto o prazo de inscrición para o Servizo Lúdico Educativo do vindeiro curso

As solicitudes deben presentarse no Rexistro Municipal ata o vindeiro venres 26 de agosto. As prazas son limitadas

Silleda, 6 de agosto de 2016. A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pili Peón, vén de abrir o prazo de inscrición no Programa Lúdico Educativo de Apertura de Centros Educativos Públicos fóra do horario lectivo, para o vindeiro curso 2016-2017.

Este programa está destinado ao alumnado de Primaria, de 3 a 12 anos de idade. Os interesados/as en participar deben cubrir un formulario de inscrición e presentalo no Rexistro Municipal, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro venres día 26 de agosto.

Este documento está dispoñible na Casa da Cultura, no propio Rexistro e tamén se pode descargar a través da web municipal (www.silleda.gal). O número de prazas do servizo é limitado.

Preinscrición nas actividades de Nadal e de Verán

Do mesmo xeito, e ao igual que se fixo o pasado ano, o formulario inclúe tamén a posibilidade de reservar xa a praza para os campamentos de Nadal e de Verán, realizando todo na mesma inscrición e evitando así aos usuarios ter que realizar máis trámites.

En este caso coa oferta engadida do CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira, sempre e cando se acaden un mínimo de 25 participantes. (En Bandeira so se ofertan os campamentos de Nadal e Verán, o Servizo Lúdico ao longo do curso non se oferta).

Coa inscrición hai que axuntar unha serie de documentación, (fotocopia do Libro de Familia, fotocopia da tarxeta sanitaria do/a menor, declaración da Renda 2015…), entre elas a autorización de domiciliación de recibos, cun formulario que tamén está dispoñible para os usuarios.

Para recibir máis información as familias interesadas poden dirixirse ao departamento municipal de Educación, chamando ao 986 581028.