Aprobada a resolución provisional sobre as axudas á realización de actividades culturais e deportivas

Dende o Concello estase a comunicar aos colectivos solicitantes das subvencións a puntuación e a contía correspondentes. Quedará exposta nos vindeiros días no taboleiro do Concello e os colectivos teñen un prazo de 10 días para formular as alegacións que estimen oportunas.

O prazo para xustificar as axudas, tanto nas subvencións a entidades deportivas como para actividades culturais, remata o vindeiro 15 de decembro

Silleda, 13 de xullo de 2016. O goberno municipal de Silleda aprobou na Xunta de Goberno Local do pasado martes o reparto das axudas a entidades para a realización de actividades culturais. A proposta, coa relación de beneficiarios e a puntuación, quedará exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello (planta baixa). Esta resolución está a ser comunicada tamén aos colectivos, coa cantidade e puntos outorgados a cada un.

Os colectivos disporán agora dun prazo de 10 días, (contados a partires da recepción da resolución), para formular alegacións á resolución. De non presentar ningunha alegación, entenderase que aceptan as valoracións provisionais.

A comisión de valoración outorgou unha serie de puntuacións tendo en conta os criterios recollidos nas bases destas dúas convocatorias, que foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP de Pontevedra).

Este ano, tal e como se tiña en conta nas bases, para as subvencións culturais tíñase en conta, ademais de que a asociación tivese unha traxectoria de máis de 20 anos, que ésta contase con un director, como foi o caso das bandas de Silleda e Bandeira, a coral de Silleda, o coro Vales Mahía e Xirandola e Fortín da Pomba, que tamén contan con directores de baile.

No caso das axudas culturais hai 33 asociacións beneficiadas. A maiores houbo dúas asociacións que presentaron a solicitude fora de prazo, (Avecuco de Cortegada e a AECC), e outra que renunciou tras presentala, (Asociación San Miguel de Oleiros). A contía total a repartir é de 45.000 euros.

Subvencións para entidades deportivas

No caso das axudas ás para a realización de actividades a entidades deportivas, foron 12 os clubs que optaron ás subvencións, que contaban cunha contía global máxima de 30.000 euros, dos cales 10.000 xa estaban previstos seren destinados integramente á Escola de Fútbol de Silleda.

Tódolos beneficiarios teñen de prazo ata o 15 de decembro para xustificar estas axudas, aínda que, unha vez se aproben definitivamente as resolucións, e tal e como ditan as bases, poderán optar a solicitar o 50% da subvención outorgada, xustificando o gasto.