A antiga escola de Cortegada convértese nun novo Centro TIC do rural

O Concello de Silleda vén de completar a transformación da antiga escola de Cortegada nun Centro TIC do rural, unha actuación destinada a recuperar este inmoble municipal e dotalo dun novo uso social, formativo e tecnolóxico ao servizo da veciñanza.

O proxecto busca favorecer o acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación tamén dende as parroquias, contribuíndo á redución da fenda dixital, á mellora das competencias dixitais e á creación de novos espazos para a formación, a aprendizaxe e a dinamización do rural.

As obras de reforma e acondicionamento interior foron executadas pola empresa Calicanto Obras y Proyectos S.L., cun importe de adxudicación de 55.044,32 euros, IVE incluído.

A actuación contou cun 90 % de financiamento a través do programa LEADER, tramitado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte, con fondos FEADER, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC). O investimento complétase con fondos municipais.

Recuperación integral do edificio

A creación do Centro TIC dá continuidade ao proceso de recuperación da antiga escola iniciado polo Concello. No ano 2023 executouse unha primeira fase de mellora da envolvente exterior, financiada con fondos municipais, con actuacións na cuberta e nas carpintarías co obxectivo de garantir a conservación e o acondicionamento do inmoble.

A intervención agora rematada permitiu actuar no interior do edificio e adaptalo ao seu novo uso. Entre as principais actuacións realizadas figura a habilitación de dúas salas polivalentes preparadas para usos TIC, así como a creación dun aseo accesible e dun espazo de apoio e almacén.

Os traballos incluíron tamén as actuacións necesarias nas instalacións e no acondicionamento xeral do edificio, con melloras en materia de illamento e ventilación, fontanaría, instalación eléctrica, protección contra incendios e eficiencia enerxética, ademais do acondicionamento da contorna exterior.

O resultado é un equipamento polivalente que permitirá acoller accións formativas, obradoiros, actividades de divulgación e iniciativas vinculadas ás novas tecnoloxías, facilitando á poboación do rural o acceso a recursos e ferramentas dixitais.

A actuación enmárcase na aposta do Concello de Silleda pola recuperación e posta en valor de inmobles municipais nas parroquias, procurando novos usos que permitan conservar estes edificios e, ao mesmo tempo, ampliar a rede de equipamentos e servizos dispoñibles no rural.

Deste xeito, a antiga escola de Cortegada inicia unha nova etapa como espazo de encontro, formación e acceso á tecnoloxía, mantendo a súa vocación de servizo á comunidade e adaptándoa ás necesidades actuais.

Apertura do novo Centro TIC

O novo equipamento será presentado á veciñanza este xoves 17 de setembro, ás 19:00 horas, nun acto de inauguración que terá lugar nas propias instalacións da antiga escola de Cortegada.

A apertura permitirá coñecer o resultado da actuación e os novos espazos cos que conta o Centro TIC do rural de Cortegada.