A biblioteca municipal Daniel Castelao de Silleda reabre as súas portas o martes na rúa do Trasdeza

-Os traballos de traslado do centro que comezaron o pasado luns están xa listos. Despois da Semana Santa, o centro contará con horario continuo

Silleda, 1 de abril de 2022. O Concello de Silleda reabrirá o vindeiro martes día 5 a biblioteca municipal Daniel Castelao, que foi trasladada nos últimos días á  Casa da Xuventude, na rúa Trasdeza, onde xa estivo anteriormente este servizo.

Hoxe mesmo quedaron listos os traballos de traslado e colocación dos milleiros de volumes da biblioteca, que se iniciaron o pasado luns.

Agora só queda pendente rematar tarefas de conexión informática para a reapertura da biblioteca que pasa a ocupar toda a primeira planta do edificio, contando con sala de estudo e sala infantil.

De momento o centro abrirá no horario habitual : de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas (de luns a venres) e os sábados de 11:00 a 14:00 horas.

Despois da Semana Santa, a partir do 18 deste mes de abril, a biblioteca municipal ampliará o seu horario, cunha apertura de forma continuada, que se especificará nos vindeiros días.

Así mesmo, na planta alta continuaránse a desenvolver algunhas das actividades que se veñen celebrando na Casa da Cultura de Silleda, como as clases de teatro, pintura e informática que organiza a Anpa Raparigos, ou as clases de castelán e galego do programa municipal Anduriña, entre outras actividades, que serán trasladadas próximamente.

Este cambio responde ao inminente inicio das obras de remodelación da Casa da Cultura, na rúa Progreso, para a súa adecuación a fin de centralizar neste recinto todas as dependencias municipais como nova casa consistorial.