A campaña de desbroces no rural comezou na parroquia de Parada

Silleda, 2 de xuño de 2014. A campaña de desbroces no rural dentro do termo municipal de Silleda iniciouse na xornada de hoxe na parroquia de Parada. Dous operarios municipais con cadanseu vehículo encargaránse ata finais do vindeiro mes de setembro de acometer estas tarefas nas beiravías das estradas do rural.

Ao igual que en anos anteriores o calendario de traballo terá como principal criterio a axenda festiva nas parroquias. Así, comezouse en Parada onde os vindeiros días 14 e 15 se celebran as festas de San Antonio. Fiestras, Refoxos, Pazos e Saídres serán algunhas das próximas localidades a onde chegarán os traballos.

Dende o goberno municipal, o concelleiro de Medio Rural e Servizos, Klaus Brey, indica que a campaña de desbroces é unha das tarefas máis laboriosas que se realiza dende o Concello, sobre todo tendo en conta a ampla extensión da rede viaria, que en todo o termo municipal supera os 1.000 kilómetros de pistas.

“Dende o Concello pedímoslle aos veciños e veciñas comprensión porque ademais de ter esta ampla rede de vías, hai que ter en conta tamén que este ano coa mala climatoloxía e as abundantes choivas a herba e a maleza son máis abondantes”, indica Klaus Brey. O concelleiro responsable da área recalca que “trataremos de esforzarnos para chegar con tempo a todas as parroquias”, engade.