A carreira de San Silvestre volta en primavera o vindeiro sábado día 30, en favor de Ucraína

– As inscricións e a recollida de dorsais serán na propia xornada a partir das 18 horas na  praza de Juan Salgueiro

Silleda,  12 de abril de 2022.  A carreira popular de San Silvestre volta ás rúas de Silleda o vindeiro sábado 30 de abril pola tarde, logo de ser adiada en decembro pola incidencia da Covid. O certame, organizado dende o Concello de Silleda en colaboración coa Deputación de Pontevedra, comezará ás 19:15 horas  na praza Juan José Salgueiro, ca saída dos participantes máis pequenos, na categoría Chupete, de 0 a 6 anos.

Todas as persoas que desexen participar na San Silvestre de Primavera deben anotarse ese día a partir das 18:00 horas na propia praza. Logo da categoría dos máis cativos, ás 19:20 sairá a Benxamín (de 7 a 9 anos) cunha volta na propia praza. A infantil (de 10 a 15 anos) consistirá nunha volta ao percorrido da carreira senior (1 kilómetro).  Haberá medallas para todos os nenos e nenas participantes.

A carreira Senior arrancará ás 19:30 horas, con  premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina. O percorrido será de 6 kilómetros e transcorrirá polo entorno da plaza, pasando pola rúa Outeiro e Recinto Feiral, entre outros.

A carreira terá tamén un carácter solidario. Así, para inscribirse deben de aportarse 1 euro, no caso de menores de 18 anos, e 2 euros no caso de adultos. A recadación entregarase ao programa municipal Silleda Solidaria para axudar ás familias ucraínas que están a residir no concello de Silleda.

Recadación no Festival de Bandas

Por outra banda, dende o Concello de Silleda e o programa Silleda Solidaria agradécese a colaboración da Banda de Música Municipal de Silleda, que no seu 28 festival de Bandas celebrado o pasado sábado recadou un total de 371 euros en favor das familias de  Ucraína, con donativos e venda de material solidario.